Conmemoracion dos Sucesos de Sobredo - 97 aniversario
O domingo 24 de novembro, ás 11:00 horas, en Sobredo (Guillarei) Tui
Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo- IEAMSO / Guillarei (Tui)
Entidades sociais concéntranse este domingo, día 24 de novembro, en Sobredo, lugar da parroquia de Guillarei, concello de Tui, para conmemorar os Sucesos de Sobredo, no seu 97 aniversario.
É o obxectivo da convocatoria manter vivo o significado do carácter social e reivindicativo duns feitos producidos, no 28 de novembro do ano 1922, neste lugar, no que tres persoas quedaran mortas no sitio: CÁNDIDA RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, de Pazos de Reis (Tui); JOAQUÍN ESTÉVEZ BESADA, de Soutelo (Salceda); e VENANCIO GONZÁLEZ ROMERO, de Budiño (Salceda); e varias resultaron feridas; cando a Garda Civil disolveu a tiros a concentración de labregas e labregos; participaban nun acto solidario de apoio a un veciño de Sobredo que por non pagar rendas de Foros ia ser embargado.
Sobredo, dende ese momento, forma parte na memoria colectiva como símbolo e lugar no que a sociedade labrega galega é martirizada; unha sociedade agraria que loitaba pola plena propiedade da terra; único medio de sustento, nunha época de penuria e carencias ás que se trataba dar remedio coa emigración, naquela época a América; quedando as mulleres ao cargo da casa e familia.
Do papel protagonista da muller nas loitas sociais, de comezos do século XX dá testemuñado o seu martirio en moitas da traxedias desencadeadas pola represión, exercida nesa altura; tentando por freo a rebeldía contra a inxustiza. Ramón Cabanillas deixa constancia dese feito e honra á muller galega na persoa de Cándida Rodríguez, vítima nos sucesos, no poema “Sobredo” (Da terra asoballada, 1926):
!Nai galega que diche a sangue
xenerosa
para calmar a sede rabiosa da
impiedade,
nos agros de Sobredo frorecéu unha
rosa!
!Ardente e sanguiñenta, agoira Libertade!
O acto de homenaxe ten lugar ao pe do Monumento aos Mártires, da autoría do escultor Camilo Nogueira; obra levantada no décimo aniversario, en novembro de 1932; e dinamitada en xullo do 1936, nos primeiros días do golpe de estado franquista.
Coa recuperación da memoria dos feitos, dende 1986 e reconstrución do monumento, en 1988, por iniciativa de entidades veciñais (asociacións de veciños, asociación culturais, comunidades veciñais de montes), realízase anualmente o acto conmemorativo aos Mártires de Sobredo.
Neste ano 2019 intervirá CARLOS BABÍO URKIDI, investigador, co-autor do libro: Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio.
PROGRAMA:
11:00 CONCENTRACIÓN - CARBALLEIRA DE
SOBREDO
11:30 DESPRAZAMENTO ATÉ O MONUMENTO
12:00 PRESENTACIÓN DO ACTO E
INTERVENCIÓNS:
SAÚDA;
representación do IEAMSO.
Intervención
de CARLOS BABÍO URKIDI.
Investigador,
co-autor do libro Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio.
13:30 OFRENDA FLORAL NO MONUMENTO
CLAUSURA DO ACTO. GRUPO DE GAITAS
“FOLIEIROS”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario