20 de nov. de 2019

A GUARDA

O Concello promove dúas novas barferencias 

Nunha delas abordarase a figura da escritora e feminista María Vinyals, e na seguinte á do avogado, escritor, político e xornalista, Juan Bautista Alonso Español



Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 O Concello de A Guarda organiza dúas novas barferencias do ciclo finais 2019. A primeira delas terá lugar o xoves día 28 de novembro ás 20:30 horas no bar Bugus Zentral, sito na rúa Manuel Álvarez. 

 Esta barferencia versará sobre «María Vinyals, unha galega de armas tomar» e correrá a cargo de Silvia Cernadas.  

 María Vinyals (1875-1940?) foi unha das grandes e polifacéticas mulleres que naceron na Galicia do século XIX. Coñecida como a “Marquesa roja” polas súas ideas sociais e políticas, destacou como escritora e feminista pero acabou morrendo na miseria e no esquecemento. Nesta barferencia falarase desta muller tan vencellada ó castelo de Soutomaior e cuxa vida ben podería ser levada ó mundo do cine ou a televisión.  

 A ponente encargada desta barferencia é Silvia Cernadas Martínez (Soutomaior,1988). Licenciada en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, investigadora e guía oficial de Turismo.  

 Entre as súas principais liñas de investigación destacan a historia da nobreza e os castelos, especialmente o de Soutomaior, sobre o que versa o seu proxecto de tese de doutoramento; a historia da fronteira con Portugal na Idade Media, que comezou a estudar no seu traballo de fin de máster, e a historia das mulleres na Galicia contemporánea, centrándose na figura de María Vinyals. Ten publicado artigos e participado en varios congresos en relación a todos estes temas. 

JOAQUÍN MIGUEL VILLA DISERTARÁ SOBRE JUAN BAUTISTA ALONSO ESPAÑOL

 A seguinte barferencia deste ciclo terá lugar o xoves día 26 de decembro ás 20:30 horas na Cervexería La Bodega - sita na intersección da rúa Galicia coa rúa Concepción Arenal - e versará sobre «Juan Bautista Alonso Español (1801-1879). Relembrando a este deputado á Corte da Guarda no 140 aniversario do seu pasamento», a cargo do historiador Joaquín Miguel Villa Álvarez.

 Joaquin Miguel Villa Álvarez (A Guarda, 1967), e diplomado en Educación Xeral Básica (Escola Universitaria do Profesorado de Pontevedra, 1988), licenciado en Xeografía e Historia na Facultade de Xeografía e Historia de Santiago de Compostela (1991) e doutor en Historia Contemporánea na Universidade de Santiago de Compostela (2000) coa tese Los gallegos de Puerto Rico, 1821-1963: un proceso de formación de burguesía a ambos lados del Atlántico. É profesor do Colexio PP. Somascos, de A Guarda desde 1989.

 Autor de varios traballos de investigación histórica sobre diversos temas (asociacionismo na Guarda e súa comarca, arquitectura indiana, emigración guardesa a América, sindicalismo,...), Joaquín Miguel Villa Álvarez conta cunha ampla bibliografía, da cal salientamos os seguintes títulos: La emigración guardesa a Puerto Rico; El Recreo Artístico Guardés 1890-1939 los 50 primeros años; El Recreo Artístico Guardés, 1940-2005; Recreo Artístico Guardés 2003; La Sociedad Pro-Monte Santa Tecla; Sociedad "Los Amigos" de Camposancos, 1909-2009; Sindicalismo no Baixo Miño 1930-1936; Colegio PP. Somascos de A Guarda (1957-2007) 50 años de presencia somasca en España; Memoria del hermanamiento entre Santo Domingo y A Guarda; El Convento de las Benedictinas de A Guarda, 1558-1984; Hospital Casa-Asilo de A Guarda (1918-2018): centenario de una institución benéfica nacida en Puerto Rico;  entre outras obras da súa autoría, ademáis de varios artigos publicados en libros colectivos e na prensa.  

 Dende o Concello de A Guarda animan unha vez máis a participar nestas barferencias que en cada edición veñen espertando o interese dos guardeses e visitantes nun clima distendido e de intercambio de coñecementos de gran interese xeral e que conta cunha ampla participación.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario