15 de nov. de 2019

PONTEVEDRA.

CHATO GALANTE: “É INCOMPRENSIBLE QUE NO NOSO PAÍS SE XULGUEN CRIMES CONTRA A HUMANIDADE COMETIDOS EN MEDIO MUNDO, PERO NON OS DO FRANQUISMO”   

A Deputación de Pontevedra acolleu hoxe a xornada informativa de ‘Loita contra a impunidade’ para promover accións xudiciais contra as “barbaries do franquismo”   

A deputada María Ortega sinalou que “nunca máis se pode alegar a prescripción dos delitos nin tampouco a Lei da Amnistía que consolida a impunidade”

A deputada María Ortega - no cnetro da imaxe -, a avogada Jana Calero, o avogado Jacinto Lara, a coordinadora de CeaQua Paloma García, e o ‘loitador antifranquista’ Chato Galante
Fotos: D.PO.
Infogauda / Pontevedra 

 “É incomprensible que no noso país, en aplicación do principio de xustiza universal, se estean xulgando crimes contra a humanidade cometidos en medio mundo, pero non se xulguen os crimes contra a humanidade cometidos polo franquismo”.  Así de duro se amosou hoxe o ‘loitador antifranquista’ Chato Galante nas Xornadas de Memoria Histórica ‘Na Loita contra a impunidade’ organizadas pola Deputación de Pontevedra.  

 Galante foi un dos relatores protagonistas da xornada informativa celebrada no Pazo provincial para facilitar ás familias das vítimas pontevedresas do franquismo o inicio de procesos xudiciais contra os crimes cometidos tras do alzamento e durante a ditadura. Xunto a el estivo a deputada de Memoria Histórica, María Ortega, así como os avogados de CeaQua Jacinto Lara e Paloma García, e do grupo Avogados Novos, Jana Calero.  

 A deputada María Ortega asegurou na súa intervención que o obxectivo da xornada informativa de hoxe era “dar un importante paso adiante nos dereitos humanos”, subliñando que as institucións públicas deben non só condear o franquismo, senón tamén tomar medidas para garantir o dereito á xustiza e reparación das vítimas.   

 Así, reivindicou as modificacións necesarias no ordenamento xurídico e lexislativo español para recoñecer a tutela xudicial efectiva e rematar co sistema de impunidade vixente. “Nunca máis se pode alegar a prescrición dos delitos (…); e tampouco se pode alegar esa Lei da Amnistía que consolida a impunidade e evita que se investigue e se enxuícen os crimes cometidos”, destacou.     

Silencio cómplice durante 40 anos 

Galante reivindicou para o Estado español unha reconciliación baseada no respecto mínimo das condicións de democracia, convivencia, verdade, xustiza e reparación


 Na mesma liña que María Ortega manifestouse o ‘loitador antifranquista’ Chato Galante, quen subliñou que o feito de que en España se xulguen crimes contra a humanidade acontecidos noutros países, pero non se poidan levar aos tribunais os crimes contra a humanidade do franquismo é unha situación “incomprensible”.   

 “Falamos de crimes cometidos no noso país, onde hai vítimas vivas e torturadores e criminais vivos. Onde teñen pasados máis de 80 anos de dor e loita de familiares por recuperar os corpos de vítimas. É unha situación insostible dende o punto de vista dos dereitos humanos”, insistiu.  

 Galante reivindicou para o Estado español unha reconciliación baseada no respecto mínimo das condicións de democracia, convivencia, verdade, xustiza e reparación, “que son os principios que o Comité de Dereitos Humanos de Nacións Unidas fixou para todo este tipo de procesos e polos que no noso país nin o poder lexislativo, executivo, nin o xudicial en particular deron un só paso”. 

 Segundo afirmou, houbo un “silencio cómplice” que permitiu durante 40 anos de democracia que todos os crimes quedaran impunes. Engadiu que a denuncia xudicial plantexada na vía arxentina e no Estado por eses delitos “non é unha denuncia dirixida ao noso pasado, senón fundamentalmente cara ao futuro no sentido de que a situación afecta ás víctimas, aos seus familiares e á sociedade enteira”.   

 En canto ás reclamaciónspenais, Galante admitiu que a xustiza “en condicións de peso” só poderá conseguirse cando a causa se xuzgue en España, porque ao seu entender é imposible levar un macroproceso como o que hai na Arxentina con miles de persoas e centos de querelas a 10.000 quilómetros de distancia.   

 “Sabemos que para conseguir xustizaos primeiros pasos ímolos dar nos tribunais internacionais”, dixo, explicando que xa está iniciado o percorrido: están denegados en España recursos de amparo no Tribunal Constitucional e xa se presentaron os primeiros recursos no Comité Internacional de Dereitos Humanos de Nacións Unidas.   

 Eses procesos moi probablemente se abrirán no 2020 e, según Galante, son a oportunidade de que un órgano de Tratado Internacional de Dereitos Civiles e Políticos, de pacto internacional, plantexe a necesidade de xulgar e xulgue eses crímenes. “En canto iso se produza as resolución do Comités son de obrigado cumprimento para a xustiza española. Aí abriremos a porta e plantexaremos a necesidade de que eses procesos se abran no noso país”, puntualizou.   

 Chato Galante tamén deu paso ao documental do que é protagonista, ‘El silencio de otros’. Explicou que a peza “é a historia viva de dez anos de loita polo dereito á xustiza das víctimas cometidas polos crimes do franquismo, que recolle a experiencia de todos aqueles horrores, de desaparicións forzadas, fosas común, roubo de bebés, tortura, cárcere, exilio ou calquera outro tipo que se poida imaxinar e que foi cometido por aquela dictadura criminal”.  

Asesoramento de CeaQua     

 A parte máis técnica da xornada chegou da man dos abogados Jacinto Lara, Paloma García e Jana Calero. Lara baseou a súa intervención no principio de que “sen xustiza non hai reparación efectiva para as vítimas”. A partir de aí, destacou que existen tres posibilidades ou niveles de actuación para reclamar xudicialmente os crimes do franquismo. Unha vía é por parte das institucións públicas e outra por parte dos querelantes individuais, que poden funcionar en dous planos, vía principio da aplicación da xustiza universal a través da querela arxentina, ou, por outro lado e perfectamente compatible coa vía anterior, denunciar accións legais nos xulgados e tribunais galegos.  

 “Moi probablemente, case que con total seguridade, as accións que se exerciten aquí poidan ser inadmitidas a trámite, pero unha vez esgotada a vía xudicial interna, incluído o Tribunal Constitucional, sempre se pode acceder a tribunais internacionais, ben ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos ou ben aos diferentes comités de Nacións Unidas, cuestión que a querela arxentina non permite”, apuntou, abondando así na explicación dada por Galante.  

 Así mesmo, amosou a dispoñibilidade da Coordinadora CeaQua en orientar ás familias pontevedresas que decidan presentar unha querela tanto na vía a seguir como para solucionar cuestión máis prosaicas, como a documentación que se precisa, o seu posible custe, ou outras cuestión prácticas da execución.  

 Finalmente, Lara recoñeceu a importancia de que as institucións, como neste caso a Deputación,estean de lado amparando sempreásvítimas. “A implicación dos poderes públicos nesta cuestión é unha das asignaturas pendentes máis importantes no conxunto do Estado español. Que as vítimas se poidan sentir respaldadas supón un paso moi importante para xente que ten vivido situacións de ignorancia e incluso de desprezo de tipo social”, asegurou, insistindo en que as vítimas deben “sentir tamén o respaldo da sociedade civil e ver que efectivamente teñen un sentimento colectivo e compartido con moitas máis persoas”.  

Acto institucional, este sábado ás 12h 

 Os actos de memoria histórica organizados pola Deputación no marco do recordo dos fusilamentos do 12 de novembro en Pontevedra finalizarán este sábado cun acto institucional ás 12:00 horas (aberto ao público) no que as familias Bóveda e Caamaño asinarán públicamente a súaadhesión á querela arxentina. Reclamarán xustiza polos crimes cometidos tras do alzamento do 36 contra Alexandre Bóveda e Amancio Caamaño co obxectivo simbólico de facer un chamamento a outras familias de vítimas da ditadura para que tamén inicien procesos xudiciais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario