XORNADA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO
Domingo día 24 de novembro, no Salón de Exposicións do Concello do Rosal
Infogauda / O Rosal
Este próximo domingo 24 de novembro terá lugar no Salón de Exposicións do Concello do Rosal unha Xornada contra a Violencia de Xénero á que está convidada toda a veciñanza.
Ás 12:00 será a presentación do libro de poemas “No camiño do vento” na que intervirán Joshua Alonso Mateo e Miriam Ferradáns, fillo de Sesé Mateo e xornalista experta en xénero, respectivamente.
Sesé Mateo foi asasinada en 2017 polo seu exparella, que provocou un incendio na súa casa de Chapela. Entre as lapas sobreviviu un caderno de poemas feministas que hoxe presentamos: “No camiño do vento”.
O seu fillo Joshua falaranos do que supón perder a unha nai e o que supón enfrontarse á Administración como orfo dunha muller vítima de violencia de xénero.
María José Sesé Mateo (Chapela, Redondela, 1965) foi unha muller moi activa socialmente. Colaborou en grandes mobilizacións sociais, participou no levantamento da fosa común na que se atopaba enterrado o seu avó republicano fusilado, foi defensora dos dereitos das traballadoras como sindicalista, e defendía a igualdade de dereitos da muller. A súa loita era feminista.
Pero o 20 de febreiro de 2017, Emilio Fernández a súa ex parella, deixou na casa dos seus pais ao fillo que tiñan en común e regresou á casa de Chapela cando non estaba Sesé. Alí cortou a goma das bombonas e baleirou un bidón de gasolina. A casa voou polo aire. Nesa casa destruída por un bombazo, entre entullos de pedras e restos do que un día foi ofogar dunha familia, sobreviviu milagrosamente un caderno de tapas vermellas. Con todo ese traballo editouse un libro, “No camiño do vento”, da man dos seus fillos e de mulleres vinculadas a la cultura. Son poemas en galego e castelán reunidos nun volume.
Ás 12:45 será a entrega dos premios ás persoas gañadoras do III Concurso de haikus convocado polo Concello do Rosal.
Ás 13:00 será a sesión vermú a cargo do Su Garrido Pombo, cantante, músico e compositora galega. O seu estilo músical abarca diversos xéneros con matices de bossa, folk ou jazz. No mes de maio de neste mesmo ano, obtén o Premio Martin Codax da música galega na categoría de Canción de autora. Desfrutaremos da actuación aberta a todo o público e gratuíta no Salón de Exposicións, nos baixos do Concello.
LUNS 25, ÁS 12:00 H, NA PRAZA DO CALVARIO, CONCENTRACIÓN CONTRA Á VIOLENCIA DE XÉNERO
Asemade, desde o Concello do Rosal lembran que o luns 25 de novembro ás 12:00 horas, na Praza do Calvario terá lugar a concentración en contra da violencia de xénero. Participará alumnado dos centros educativos e leerase un manifesto de rexeitamento da violencia de xénero. Animádevos a participar.
EN NEGRO CONTRA AS VIOLENCIAS!!!!
Ningún comentario:
Publicar un comentario