5 de nov. de 2019

MADRID

Francisco G. Lagares expón este mes na Casa de Galicia as creacións das súas últimas etapas 

O artista vigués inclúe tamén na mostra unha selección de pezas da súa colección de cerámica dos séculos XVI ao XX 

Francisco G. Lagares ante a súa obra ´El café de las tertulias´
Fotos: Casa de Galicia


Infogauda / Madrid

 As Salas A e B da Delegación da Xunta en Madrid acollerán durante o mes de novembro a mostra de pintura e olería "Lagares pintor e coleccionista" de Francisco G. Lagares, na que o artista de Vigo expón a súa obra plástica das tres últimas etapas pictóricas (2000-2015), unida estreitamente ao mundo das matemáticas, xunto con pezas da súa colección de cerámica popular que iniciou nos anos 70 e que abarcan un amplo período que vai do S. XVI ata o fin dos 70 do S. XX. A exposición leva ao espectador pola máis pura abstracción xeométrica unida ao campo matemático con ordenadas composicións e milimétrico colorido, deixando atrás a época figurativa do autor. 

Lagares e Jiménez instantes antes da inauguración da mostra


 O acto de inauguración correu a cargo do coordinador de Actividades Culturais da institución galega en Madrid, Ramón Jiménez Pérez, quen o fixo en nome do delegado e director da mesma, José Ramón Ónega.  

 "Lagares volve a esta Casa despois de 24 anos, en que realizou a mostra titulada "PINTURAS 1984 ? 1994", nun estilo moi diferente do que poden ver agora, e que particularmente a min gustábame máis; pero eu non son un crítico de arte, aínda que si sei que cada artista evoluciona segundo camiños persoais e misteriosos, que en todo caso esixen un gran esforzo", dixo Jiménez nas súas palabras de presentación antes de ceder a quenda de intervención ao propio autor.  

 Pola súa banda o pintor explicou a evolución da súa obra. "Sen que o meu traballo mantivésese estático, nun momento determinado sentín a necesidade dun cambio máis determinante e fun eliminando secuencias e rastros de elementos reconocibles, penetrándome no campo da abstracción, que desde facía tempo estaba na miña mente e necesitaba expresar para seguir adiante", comentou o creador. "Comecei a realizar a actual secuencia evolutiva da pintura a finais do século pasado e xa no ano 2000 atopábame dentro dunha abstracción xeométrica, que á súa vez foi avanzando por distintas etapas como se pode apreciar nas obras". 


Medio centenar de persoas acudiron á Casa de Galicia á inauguración da mostra de Lagares


 En canto á súa faceta de coleccionista, evocou o moito que puido gozar aqueles anos nos que sendo mozo madrugaba os sábados e domingos de cada semana para ir moi cedo tanto ao Rastro como a diversos pobos e lugares, en busca da ansiada e interesante peza de cerámica popular antiga. Facíao coa súa muller Matilde, primeiro nun Seat 127 e logo nunha Renault Exprés. Aos poucos, desta forma, foron logrando a colección actual, e da que só pode verse unha pequena selección.  

 A mostra "Lagares pintor e coleccionista" poderá visitarse nas Salas A e B da Casa de Galicia ata o 30 de novembro; en horario, de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Domingos e festivos: de 10 a 14 horas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario