O
ESCRITOR PONTEVEDRÉS XULIO RÍOS PRESENTOU NA DELEGACIÓN DA XUNTA EN
MADRID O SEU LIBRO “PEPE CASTEDO. VIDA Y AZARES. DE LA GUERRA CIVIL
ESPAÑOLA A LA REVOLUCIÓN CULTURAL CHINA”
A obra foi publicada por Teófilo Edicións en español e chinés
Ana Fuentes, Xulio Ríos, José Ramón Ónega, Felipe de la Morena, Juan Morillo e José Luis Teófilo
Fotos: Casa de Galicia
Infogauda / Madrid
O escritor pontevedrés Xulio Ríos presentou este xoves na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia o libro publicado por Teófilo Edicións “Pepe Castedo. Vida y Azares. De la Guerra Civil Española a la Revolución Cultural China”, do que é autor. A obra, de pequeno formato e encadernada en tea, con tapa dura, está escrita en español e en chinés, e dedicada á figura de Pepe Castedo, nacido en Madrid de nai ferrolá, que fixo historia na China de Mao, onde impartiu docencia ata 1979.
Na presentación da obra interviñeron, ademais do autor e o xerente da editorial, José Luis Teófilo Piñeiro, o ex-embaixador de España en China Felipe de la Morena y Calvet, o escritor Juan Morillo, a xornalista Ana Fuentes e o delegado da Xunta e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega López. Entre os asistentes había algúns alumnos chineses de Pepe Castedo que residen en España.
Ónega explicou que o libro trata da enigmática vida de Pepe Castedo, un personaxe interesantísimo, alcumado El Gallego, fillo de asturiano e ferrolá, que tras a guerra civil exiliouse en Francia e que posteriormente, en 1964, establecidas as relacións diplomáticas entre Francia e a China Popular, trasladouse a Pequín como experto estranxeiro, unha figura moi prestixiosa en China, cun status que podería cualificarse de paradiplomático, onde entre outros acontecementos históricos viviu a Revolución Cultural.
Tamén presentou ao resto dos intervenientes, que conversaron entre eles respondendo as cuestións que lles expuña a xornalista Ana Fuentes, columnista do diario El País e ex correspondente en Pequín, que se interesou por como o autor do libro chega á figura de Castedo, como era a China á que chegou, a figura dos “expertos estranxeiros” dos que formou parte, polos seus posicionamentos políticos e xestos como rebaixarse o soldo á metade así como pola súa morte en soidade, entre outras cousas.
Da Morena e Calvet, o embaixador que instou a concesión da Cruz de Alfonso X El Sabio que recibiu Castedo en 1980 en recoñecemento á súa excelencia educativa, referiuse ao autor e a vocación intelectual que envorca sobre China para centrarse despois no libro sobre José Castedo, o “Maestro Pepe´, como lle chamaban os seus alumnos.
Segundo o ex embaixador, este libro “é froito dunha difícil investigación polas escasa fontes documentais que hai. Iso con todo, Ríos consegue descubrir ao seu personaxe a través dos seus compañeiros de traballo en Pequín. Narra os seus desenganos xuvenís tras pasar pola URSS e enfrontarse a unha China onde, dous anos despois da súa chegada (1964), comeza a Revolución Cultural, verdadeiro atentado á intelixencia, que desatou as paixóns máis baixas do ser humano. Os seus alumnos dicíanlle -como me contou- cando todo pasara: `Mestre Pepe se é que agora non sabemos pensar´”.
Resaltou tamén que “o seu desengano, que incluíu unha folga de fame, levoulle a envorcarse no ensino do español, entregándose totalmente aos seus alumnos. Estes devolvéronlle a súa entrega e dedicación con extraordinario agarimo, respecto e admiración, o que persoalmente puiden comprobar cando conseguín que se lle condecorara coa Orden de Alfonso X El Sabio, en recoñecemento ao seu labor de ensino do español, acto ao que asistiron centos de antigos alumnos e personalidades chinesas moi relevantes do mundo da Cultura”. “Tras o seu desencanto dunha China que el había idealizado, regresou a España para refuxiarse na súa familia, que tamén lle fallou. Quen non lle fallaron nunca foron os seus alumnos chineses que admiraron nel a súa total entrega e a súa actitude inflexible contra todo tipo de inxustizas”, engadiu.
Ríos abordou os principais aspectos do proceso de elaboración do libro e do personaxe, con especial incidencia na recollida de testemuños múltiples. Tamén Morillo e Teófilo referíronse con anterioridade á figura de Castedo e, o editor, á idea de dedicarlle este libro.
José Castedo Carracedo, coñecido como “El Gallego”, obtivo o estatuto de refuxiado político en Francia tras a guerra civil española e en 1964 cambiou París por Pequín, onde impartiu docencia ata 1979, ensinando español con métodos autodidactas; chegou a ser o único profesor de español que había en Pequín e sen ensinar prácticamente gramática os seus alumnos aprendían a comprender e falar en español chegando a exercer como excelentes tradutores e intérpretes. Dise que ademais traballou en varias publicacións e medios informativos e mesmo que colaborou na edición en español do Libro Rojo de Mao. En París xestionou o seu traslado a Pequín como “zhuan jia” ou experto estranxeiro, unha figura que en China gozaba dun gran recoñecemento e que lle confería un status paradiplomático.
Viviu a Revolución Cultural chinesa de principio a fin. Protagonizou un dos episodios máis soados entre a comunidade de expertos estranxeiros, que se viron obrigados a seguirlle: sen aviso previo, decidiu rebaixarse o soldo á metade e trasladarse a vivir cos chineses aos precarios dormitorios da escola, abandonando o confortable Hotel da Amizade onde estaba. A súa simpatía cos ideais maoístas non lle impediu expresar o seu malestar cunha folga de fame cando os Gardas Vermellas prohibiron a música de Beethoven da que tanto gustaba. En 1979, decide regresar a España. Tiña 65 anos.
Cando en 1981 regresou a China para ser honrado coa Cruz de Alfonso X El Sabio na embaixada española en presenza de numerosos altos funcionarios chineses, moitos dos cales foran os seus alumnos, deixou entrever o seu arrepentimento por aquela decisión. Tentou quedar pero xa non era posible o seu regreso ás aulas. Despois dun tempo residindo en Málaga trasladouse ao seu Madrid natal, onde non achou o acubillo que esperaba. Deprimido, suicidouse o 24 de decembro de 1982.
Nota da Redacción de Infogauda:
Esta información foi publicada en data 21.11.2019 e actualizada o 22.11.2019, ao detectarse unha errata no titular da mesma.
Nota da Redacción de Infogauda:
Esta información foi publicada en data 21.11.2019 e actualizada o 22.11.2019, ao detectarse unha errata no titular da mesma.
Ningún comentario:
Publicar un comentario