22 de nov. de 2019

LABORAL

A CIG lamenta un novo accidente mortal na empresa Lear do Porriño e insta a Fiscalía a actuar 

Un traballador faleceu ao quedar atrapado baixo o camión que manexaba durante unha descarga


Infogauda / Vigo

 A federación de Industria da CIG de Vigo lamenta a morte en accidente laboral dun traballador de 57 anos veciño de Salceda de Caselas que manexaba un camión nas instalacións da empresa de automoción Lear Corporation no Porriño. Dende a central denuncian que se trata do terceiro suceso grave acontecido na compañía nos últimos meses, dous deles con resultado de morte, e insta a Fiscalía a actuar para depurar responsabilidades, ao tempo que se pon a disposición a disposición da familia do operario falecido para prestarlle apoio e asesoramento. 

 A CIG-Industria reclama unha actuación urxente por parte da Fiscalía para depurar as responsabilidades correspondentes, “xa que tras o accidente mortal acontecido neste mesma empresa en agosto démoslle información á Inspección de Traballo para que lla trasladase á Fiscalía pero non nos consta que se tivese feito nada ao respecto”. 

 Ao mesmo tempo, na central valoran facer un chamamento a todo o cadro de persoal de Lear para que se mobilice diante da empresa, xa que o grupo Lear (Vigo e Porriño) destaca polos seus altos niveis de contratación mediante ETT, empresas multiservizos e Centros Especiais de Emprego, “converténdose na vangarda da precarización e da explotación laboral”. 

 Neste senso, critican a falta de interese por parte das administracións e do propio sistema xudicial en perseguir as empresas que incumpren a normativa laboral e o seu desleixo á hora de protexer a saúde e seguridade dos traballadores/as. “Sobre todo cando non dubidan o máis mínimo en aplicar a Lei Mordaza e o Código Penal se son os traballadores/as os que se mobilizan en defensa dos seus dereitos”. 

 Esta problemática afecta especialmente a clase traballadora galega, xa que o noso país rexistra o maior índice do Estado de accidentes laborais mortais por cada 100.000 persoas en activo, cunha media mensual de 0,403 durante o primeiro semestre de 2019, cifra que duplica os 0,207 da media estatal. 

 Fomos tamén a terceira comunidade autónoma que contabilizou máis accidentes graves e mortais durante ese mesmo período, cun total de 262, dos que 238 foron graves (un 6,25% máis que no mesmo período do ano anterior) e 24 mortais (un 26,5% mas), as cifras máis elevadas despois de Catalunya y Andalucía. 

 Neste contexto de desprotección absoluta que padece a clase traballadora tanto a nivel de seguridade laboral como de dereitos no traballo, o Tribunal Constitucional vén de avalar, nunha volta de torca máis, o despido por faltar ao posto de traballo por baixas médicas xustificadas. 

A precariedade incrementa a sinistralidade 

 Dende a central sinalan a precariedade, os altos ritmos de produción e a falta de formación derivada das cadeas de subcontratación como responsábeis da maior parte dos accidentes laborais que se producen na automoción. Segundo sosteñen, o aumento dos accidentes laborais no sector é consecuencia directa da crecente precarización, cun incremento dos ritmos de produción, da temporalidade e das cadeas de subcontratación, o que se traduce na entrada de operarios/as sen a formación axeitada que veñen de ETT, empresas multiservizos e Centros Especiais de Emprego. 

 A CIG entende que a responsabilidade dos accidentes laborais hai que buscala nas direccións das compañías, que son as que teñen que velar pola seguridade e saúde dos empregados/as e garantir que conten coa formación axeitada para o posto que ocupan. 

 Finalmente, dende a federación de Industria fan un chamamento ao conxunto do persoal da automoción para afrontar dende a unidade os retos e as problemáticas que enfronta un sector en constante transformación como consecuencia da coñecida como cuarta revolución industrial ou industria 4.0. Entre elas o imparábel aumento dos ritmos de produción, que está a ter consecuencias nefastas sobre a saúde dos operarios/as.

Ningún comentario:

Publicar un comentario