22 de nov. de 2019

MOVEMENTOS SOCIAIS

A CIG CHAMA A PARTICIPAR NAS MOBILIZACIÓNS CONVOCADAS ESTE 25 N CONTRA A VIOLENCIA INSTITUCIONAL QUE SUPÓN A PRECARIZACIÓN DO TRABALLO DOS COIDADOS



Rosa Chantada* / Vigo     

 A Secretaría das Mulleres da CIG de Vigo chama a mobilizarase este 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia Contra as Mulleres, para denunciar a explotación que está detrás de todas as actividades relacionadas cos coidados, a súa minusvaloración e a cada vez maior precarización.      

 A concentración terá lugar na praza Vella Escola de Gondomar ao carón do edificio das administracións públicas de 11:00 a 12:00 horas para denunciar a hipocrisía dos gobernos, que ese día amosarán o seu compromiso contra a violencia machista, cando están escravizando ás mulleres que dedican a súa vida ao traballo mal pagado e precario dos coidados. Porque queremos quitarlle a careta a eses concellos que o 25-N van facer plenos extraordinarios e pendurar lazos e crespóns negros nas fachadas deses espazos teoricamente libres de violencias machistas e son quen precariza a estas traballadoras, pagándolles salarios de miseria, por desenvolver xornadas extenuantes, obrigándoas a desenvolver tarefas para as que non están contratadas e mesmo a pagar do seu peto os desprazamento,  expoñéndoas á violencia e o acoso nos domicilios.      

 Eleximos este Concello porque acabamos de gañar unha reclamación ante o Tribunal mediador diante das admóns públicas en referencia ao salário do Servizo de Axuda a Domicilio, Xa que estaba regulado por debaixo do convênio.      

 Pero non só é neste concello, sinalamos ao Estado e Xunta de Galiza como culpábeis da explotación de milleiros de mulleres que traballan no sector dos coidados; convertendo as miserias de moitas en cartos para uns poucos; espallando a frustración das persoas ás que van dirixidos os servizos e escravizando as mulleres que neles traballan, vítimas dunha violencia sistémica, tolerada pola sociedade.      

 Non na nosa conta! as mulleres coidadoras son a cara invisíbel da explotación machista e da violencia institucional!       

Concentracións convocadas pola CIG Comarca de Vigo

 De 11:00 a 12:00 horas na Praza da Vella Escola, detrás do Concello de Gondomar.     

Concentracións do feminismo galego      

 Desde a CIG chamamos tamén a toda a afiliación a que participe nas diferentes mobilizacións convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres e outros colectivos do feminismo galego en diferentes localidades do país, na nosa comarca sairá ás 20:00 horas de Via Norte en Vigo. 

* Secretaria das Mulleres da CIG  na Comarca de Vigo     

Ningún comentario:

Publicar un comentario