As obras de humanización e mellora da seguridade da rúa Vigo avanzan a bo ritmo
Arestora ven de adxudicarse tamén as obras de mellora da Rúa San Queitano e están en proceso de licitación as fases correspondentes das obras nas Rúas Calvario e A Cal
O alcalde Antonio Lomba Baz acompañado de Mª Montserrat Magallanes Álvarez, Miguel Ángel Español Otero e Mª Elena Baz Rodríguez, supervisando in situ ás obras na rúa Vigo
Foto: C.A.G.
Foto: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
O executivo municipal do Concello de A Guarda que preside o alcalde Antonio Lomba Baz relembrou este venres 29 de novembro, que “no pasado mes de setembro iniciáronse as obras de remodelación e mellora da seguridade dos viarios municipais da Rúa Vigo na Guarda a través do proxecto DepoRemse da Deputación de Pontevedra.
As obras realízanse na Rúa Vigo, dende o enlace coa PO-552 ata o Conservatorio Municipal, sendo esta unha primeira fase que debería continuar coa urbanización da rúa Celta.
Arestora os traballos xa van moi adiantados coas canalizacións de augas, electricidade e servizos xa instaladas e con boa parte da delimitación enlousada das beirarrúas feita, de igual xeito tamén se ensanchou a zona do cruce dos bechos, onde será instalada unha rotonda para regular e facer máis seguro o tráfico de vehículos.
No entorno das rúas Vigo e Celta, da parroquia de Salcidos, A Guarda conta con numerosas instalacións e equipamentos públicos coma o Centro de Saúde, o Conservatorio de Música, o Pavillón Municipal, o IES A Sangriña, o CEIP A Sangriña, o Estadio Municipal da Sangriña, lugares que son frecuentados por milleiros de persoas, na súa maioría rapaces e rapazas, usuarios destes equipamentos.
Coa posta en marcha deste proxecto preténdese mellorar e dar seguridade aos desprazamentos peonís e a circulación de vehículos. Un dos elementos fundamentais para conseguir este obxectivo é a construción dunha rotonda no coñecido coma «cruce dos Bechos».
O proxecto de mellora da seguridade no entorno da rúa Vigo e Celta, conta cun orzamento de 588.235,29 euros, dos cales 500.000 apórtaos a Deputación de Pontevedra e 88.235€ o Concello da Guarda”.
ADXUDICADA Á URBANIZACIÓN DA RÚA SAN CAETANO (FASE 2)
O grupo de goberno municipal tamén fixo público que “por outra banda vén de adxudicarse o contrato para a urbanización da Rúa San Caetano (Fase 2: do nº 12 ao 36), á empresa SITEXCA 2016 S.L.U. por un importe de 59.377,12€ IVE engadido e tamén se atopan en proceso de licitación as obras da Rúa Calvario e La Cal.
Todos estes proxectos permitirán continuar coa humanización e mellora da seguridade das rúas da vila, aproveitando tamén para mellorar os servizos, canalizacións de augas, saneamento, electricidade e telecomunicacións”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario