O Concello fai un novo chamamento á concienciación sobre a limpeza pública e a recollida do lixo
So entre todos é posible ter A Guarda máis limpa
Infogauda / A Guarda
O executivo municipal do Concello de A Guarda, que preside o alcalde Antonio Lomba Baz, fai un chamamento á cidadanía guardesa para a súa implicación na limpeza dos espazos públicos e a recollida de lixo, en aras de mellorar a imaxe para ter A Guarda máis limpa.
Dende o Concello da Guarda lémbrase que non se pode depositar lixo fora dos contedores, que os residuos vexetais de limpeza de fincas e xardíns, residuos voluminosos, entullos ou cascallos, deben levarse ao Punto Limpo.
Así mesmo, o lixo que se deposita nos contedores verde (orgánico) e amarelo (envases plásticos), debe depositarse en bolsas de plástico debidamente pechadas, para evitar malos cheiros e manter estes elementos nas mellores condicións.
A Guarda é un dos concellos de Galicia cunha maior taxa de reciclaxe. O cumprimento do Regulamento de Limpeza Pública e de Recollida de Lixo é tarefa de todos, establecéndose un horario específico para o depósito do lixo: para residuos orgánicos do contedor verde o horario é de 21:00 a 23:00 horas (de abril a setembro) e de 19:00 a 23:00 horas (de outubro a marzo) e para os residuos de vidro o depósito dos mesmos realizarase en horario de 8:00 a 22:00 horas.
HORARIOS DO PUNTO LIMPO
O Punto Limpo da Guarda situase ao carón das instalacións da Piscina Municipal na zona da Sangriña e os veciños e usuarios o poden empregar os luns, martes, xoves e venres en horario de 8:00 a 14:00 horas, os mércores en horario de 8:00 a 18:00 horas e os sábados en horario de 8:30 a 13:30 horas.
De igual xeito pídese a colaboración cidadá para informar cando algo está mal, chamando a Policía Local nos teléfonos 986 610 025 e 606 452 655.
O incumprimento do Regulamento de Limpeza Pública e de Recollida de Lixo pode constituír unha infracción administrativa, que conleva a un expediente sancionador, con sancións moi graves, graves e leves, segundo corresponda.
So entre todos é posible ter A Guarda máis limpa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario