Tomiño e Cerveira acollen a visita dun experto da Comisión Europea para traballar na mobilidade transfronteiriza de menores
No marco do programa europeo B-Solutions, impulsado pola Eurocidade Cerveira-Tomiño e pola AECT da Eurorrexión Galicia Norte de Portugal para facilitar os intercambios culturais, deportivos e educativos entre escolares
O proxecto encádrase no Programa B- Solutions, un programa xestionado pola Asociación de Rexións Fronteirizas Europeas
Foto: C.T.
Foto: C.T.
Infogauda / Tomiño / Vila Nova de Cerveira
Tomiño e Vila Nova de Cerveira acollen esta semana a visita de José Manuel Sobrino, experto designado pola Comisión Europea e a Asociación de Rexións Fronteirizas de Europa (ARFE) para analizar e estudar os problemas de mobilidade de menores de idade entre ambos municipios fronteirizos, no marco do programa europeo B-Solutions. Sobrino é Catedrático de Dereito Internacional Público na Universidade da Coruña, especializado en Dereito Comunitario e en Organizacións Internacionais e Experto da Comisión Europea para diversos programas europeos.
O obxectivo desta visita é atopar vías para simplificar a mobilidade dos menores que, no ámbito de actividades escolares (excursións, visitas…) ou extraescolares (música, deporte, idiomas, etc.), precisan cruzar a fronteira unhas horas sen a presenza dos seus pais ou titores legais. Actualmente resulta obrigada, e por veces economicamente gravosa, a cumprimentación de autorizacións específicas por parte dos proxenitores para a saída ao estranxeiro de menores, o que dificulta os intercambios nos territorios mais próximos á fronteira. Tras a visita Sobrino realizará un informe para a Comisión Europea detallando unha descrición clara do obstáculo legal, unha indicación das disposicións legais que causan o obstáculo e unha folla de ruta cara á posible solución coas entidades que participarán nela.
Tres días de visita
A visita desenvolverase os días 8, 9 e 10 de outubro, tres días nos que se desenvolverán varias reunións de traballo nas que participarán todas as entidades e axentes involucrados nesta problemática. Esta visita arrancou cunha primeira xornada de traballo na que AECT, representantes institucionais dos concellos de Tomiño e Vila Nova de Cerveira e as valedoras da cidadanía transfronteiriza da Eurocidade Cerveira-Tomiño exporán a situación actual e o problema ante o que se atopan actualmente os escolares dos dous municipios. Foi precisamente un informe das valedoras sobre a mobilidade dos menores o que recomendou “estudar medidas excepcionais que adapten os requisitos de autorización sobre mobilidade transfronteiriza”.
A segunda xornada de traballo acollerá un dos aspectos máis destacados nesta visita, as experiencias vividas. Así, este segundo día centros educativos de ambos concellos, asociacións de pais e nais e outras eurocidades da zona, como Tui-Valença do Minho e Salvaterra de Miño-Monçao, relatarán de primeira man as súas propias experiencias. Durante esta xornada tamén se reunirán representantes da Garda Civil, da Garda Nacional Republicana e o Centro de Cooperación Policial e Aduaneira de Tui-Valença do Minho (CCPA), así como notarios e solicitadores lusos, para poñer ao día ao experto sobre a tramitación actual.
O último día centrarase na colaboración institucional, coa participación de representantes da Xunta de Galicia, a CCDR- N, a Subdelegación do Goberno en Pontevedra, a Direção Regional de Educação do Norte de Portugal ou a Direção Regional do Norte de Portugal – Serviço de Estrangeiros e Fronteiras.
O proxecto encádrase no Programa B- Solutions, un programa xestionado pola Asociación de Rexións Fronteirizas Europeas, co que a Comisión Europea pretende identificar e promover a resolución de obstáculos fronteirizos de carácter xurídico e/ou administrativo, ao longo das fronteiras internas da UE.
Ningún comentario:
Publicar un comentario