8 de out. de 2019

LABORAL

A CIG gaña as eleccións sindicais no Grupo Marsan de Vigo con maioría absoluta 

Logrou 3 dos 5 representantes do comité e obtivo a práctica totalidade dos votos do persoal de fábrica



Infogauda / Vigo

  A CIG-Industria fíxose coa maioría absoluta nas eleccións sindicais que se veñen de celebrar no Grupo Marsan, compañía do sector do automóbil con sede no parque tecnolóxico de Valadares, en Vigo. A candidatura da central tivo o apoio da práctica totalidade do persoal de fábrica, o que lle permite contar con 3 dos 5 representantes dun comité de empresa que pasará a presidir tras desbancar a UGT.  

 A CIG sumou un total de 46 votos no colexio de especialistas (3 delegados/as), mentres que a UGT logrou unicamente 4 apoios dun censo de 54 persoas. Con todo, o sindicato estatal contará con 2 representantes no comité grazas aos 15 votos obtidos no colexio de técnicos/as e administrativos/as, onde a CIG non presentou a candidatura. Neste colexio, no que podían votar 33 persoas, rexistráronse 9 votos en branco. Deste xeito, a central pasará a presidir o comité de empresa tras superar á UGT, que no anterior proceso lograra 3 delegados/as. 

 Dende a sección sindical da CIG no Grupo Marsan agradecen a confianza amosada polo cadro de persoal na súa candidatura e adiantan que seguirán a loitar na defensa dos dereitos laborais e pola mellora das condicións de traballo do conxunto dos traballadores/as da empresa.  

 Pola súa banda, dende a CIG-Industria sosteñen que este resultado electoral vén a avalar o intenso traballo desenvolvido ao longo destes anos polos representantes da central na empresa, logrando melloras tanto nas condicións de traballo e nos salarios como en materia de saúde e prevención de riscos laborais.  

 Neste senso, salientan que os compañeiros/as da CIG levaron o peso das loitas coas que conseguiron unha nova paga extra, un incremento salarial por enriba do convenio da industria química e máis días de descanso, para o que tiveron que convocar folga en dúas ocasións. Porén, dende a sección sindical da CIG en Marsan queren deixar moi claro que ningún destes avances laborais sería posíbel sen a unidade e o compromiso amosado polo conxunto do cadro de persoal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario