21 de out. de 2019

TOMIÑO / VILA NOVA DE CERVEIRA

Xornada de portas abertas no Convento de San Payo cunha mostra de arte transfronteiriza asinada por estudantes 

Preto de 200 nenos desenvolveron conxuntamente unha actividade que combinou arte e natureza ao longo dunha semana  

Preto de 200 nenos de ambos municipios desenvolveron conxuntamente unha actividade que combinou arte e natureza nun espazo cargado de singularidade ao longo dunha semana
Foto: C.T.
  

Infogauda / Tomiño / Vila Nova de Cerveira

 Como resultado do proxecto gañador do orzamento participativo transfronteirizo de Cerveira-Tomiño en 2019, preto de 200 nenos de ambos municipios desenvolveron conxuntamente unha actividade que combinou arte e natureza nun espazo cargado de singularidade ao longo dunha semana. Como xeito de marcar outro aniversario do finado mestre José Rodrigues, o convento de San Payo abrirá as súas portas o 26 de outubro para que as comunidades educativas e a poboación en xeral gocen do traballo realizado.  

 No Monte de San Payo a apreciación da natureza é unha preocupación que se conserva continuamente, tanto polos franciscanos como o mestre José Rodrigues, e agora pola veciñanza de Vila Nova de Cerveira e de Tomiño. Baixo a dirección da artista multidisciplinar galega Mercé de Rande, que deseñou o concepto do proxecto, e con talleres en colaboración coa artista portuguesa e deseñadora gráfica Mariana Carapinha, os nenos do 5º grao de Cerveira e Tomiño tiveron o reto de darlle ás á imaxinación.  

 Divididos en grupos transfronteirizos, os nenos participantes realizaron un traballo moi creativo cun forte compoñente ambiental, empregando materiais e natureza reutilizables (follas, paus, conos de piñeiro, pedras, botellas e cuncas de plástico, entre outros), ademais de experimentar un intercambio lúdico-pedagóxico de carácter transfronteirizo.  

 O resultado final presentarase publicamente a través dunha única e atractiva instalación artística, nunha xornada de portas abertas do Convento de San Payo a toda a comunidade. Este proxecto foi promovido conxuntamente polas asociacións de pais dos centros escolares de Cerveira e a Mesa ANPAS dos centros educativos de Tomiño, no marco da última edición do orzamento participativo transfronteirizo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario