“Sexo e amor no século XXI”
Conferencia de Chis Oliveira e Amada Traba
O próximo venres día 25 e outubro ás 20:00 horas no salón de actos do Centro Goianés
Zara Pousa Arbones / Goián
O próximo venres día 25 e outubro ás 20:00 horas o Centro Goianés organiza a conferencia “Sexo e amor no século XXI” na que Chis Oliveira e Amada Traba, farannos reflexionar sobre as relacións amorosas.
A charla dirixida a un publico amplo (adolescentes, nais, pais, e a todas aquelas persoas que aínda que non o sexan queiran aprender a amar) invitará a pensar o amor desde unha mirada crítica e a desaprender o aprendido para poder examinar formas mais enriquecedoras de amar, desde o recoñecemento recíproco e o respecto á autonomía.
O fío condutor da conferencia será unha análise do seu libro “Amarte” na que fan unha reflexión sobre a aprendizaxe do amor. As autoras insisten na necesidade de entender o amor como unha construción social patriarcal, como un feito político e non como unha experiencia exclusivamente íntima e persoal. Nas súas páxinas diseccionan contidos que enchen as redes sociais, a música, a literatura e o cine para desgranar cuestións como os diversos mitos do amor romántico, o concepto de normalidade no que a amor e sexo se refire ou a violencia no contexto da parella.
Chis Oliveira é catedrática de Filosofía. Leva máis de trinta anos traballando temas de educación sexoafectiva entre adolescentes, profesorado e persoal sanitario, e é autora de varias publicacións sobre a materia, entre elas, La Educación sentimental. Una Propuesta para adolescentes (1998). Amada Traba é profesora de Socioloxía da Educación na Universidade de Vigo e participa desde fai vinte anos en numerosas actividades de divulgación, formación, investigación e asesoramento no campo da socioloxía do xénero.
Ningún comentario:
Publicar un comentario