O comité de Vitrasa comeza as mobilizacións polos incumprimentos da empresa
A dirección comprometérase hai un ano a garantir horarios e descansos na xornada, entre outras cousas
A
representación do cadro de persoal da empresa de transporte despregou
unha faixa na porta das instalacións da estrada de Camposancos
Foto: CIG
Foto: CIG
Infogauda / Vigo
O comité de empresa de Vitrasa, concesionaria do servizo de transporte do Concello de Vigo, iniciou hoxe as mobilizacións para denunciar o incumprimento por parte da dirección dos compromisos adquiridos hai un ano, entre eles garantir horarios e descansos durante a xornada. No caso de que a compañía non atenda as súas reclamacións convocarán unha asemblea de traballadores/as para acordar outras medidas de presión.
A representación do cadro de persoal da empresa de transporte despregou unha faixa na porta das instalacións da estrada de Camposancos para denunciar que os compromisos seguen sen cumprirse un ano despois e que moitas outras demandas dos traballadores/as tampouco son atendidas.
Entre as principais salientan os horarios de traballo e os descansos durante a xornada, xa que segundo sinalan “os horarios de percorrido están totalmente obsoletos e os descansos na xornada son practicamente inexistentes”. Diante disto, a empresa aporta como solución realizar unicamente un breve relevo do condutor/a para que poida descansar, pero os traballadores/as demandan que os descansos sexan máis frecuentes.
Tamén solicitan, tendo en conta a recente entrada en vigor da lei de rexistro horario, que se lles abone o tempo real de traballo e que sexa a empresa a encargada de contabilizalo. A solución achegada por Vitrasa é que agarden a xaneiro do ano que vén para comezar a realizalo. Outra demanda é un servizo de autobús para o persoal con horarios e percorridos razoábeis.
Contratacións indefinidas
En canto ás novas contratacións, indican que o persoal que non sexa indefinido quedará fóra da empresa coa nova concesión do servizo, polo que reclaman que se faga unha serie de contratacións indefinidas respectando a orde de antigüidade, “pero a contraoferta da empresa é un número menor das contratacións solicitadas e primando o seu criterio ao da antigüidade”.
Outros problemáticas para as que esixen solución son falta de baños, plan de igualdade, uniformes de traballo, recadación e funcionamento interno (días de asuntos propios, calendario anual real, permisos, absentismo,etc.). “A todos estes problemas a empresa pretende aplicarlles parches e demoralos no tempo, por iso nos vemos na obriga de iniciar mobilizacións”, rematan.
Ningún comentario:
Publicar un comentario