18 de out. de 2019

CAMINHA

O AECT RIO MINHO CREARÁ UN FORO ESTABLE DE GASTRONOMÍA E TURISMO 

QUE REÚNA AO SECTOR PRIVADO E AOS AXENTES PÚBLICOS PARA IMPULSAR A MARCA RIO MINHO 

Uxío Benítez enfantizou “a importancia de traballar de xeito conxunto para ofrecermos un produto máis completo e mostrar ao mundo todo o que temos de bo no noso territorio”  

Caminha acolleu este venres a I Xornada de Gastronomía do Rio Minho promovida polo proxecto Visit Rio Minho 

O deputado de Cooperación Transfronteiriza e director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez Fernández, participou este venres na inauguración da I Xornada de Gastronomía do Rio Minho, celebrada en Caminha
Fotos: D. PO.
O deputado lembrou que o I Encontro de Gastronomía e Turismo do Rio Minho é unha iniciativa que forma parte do proxecto de Cooperación europea Visit Rio Minho


Infogauda / Caminha 

 O deputado de Cooperación Transfronteiriza e director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez Fernández, participou este venres na inauguración da I Xornada de Gastronomía do Rio Minho, celebrada en Caminha, nun acto no que estivo acompañado polo director da Fundación CEER, Valerià Paül; a concelleira de Festas de A Guarda, Mª Elena Baz Rodríguez; e o presidente da Câmara Municipal de Caminha, Miguel Alves.  

 Benítez aproveitou a ocasión para mostrar a súa satisfacción polo éxito do Congreso Turístico que tivo lugar onte en A Guarda e co que se abría este I Encontro de Gastronomía e Turismo do Rio Minho e anunciar “a creación dun foro estable que reúna ás empresas do sector turístico e da gastronomía, e do que tamén formen parte os axentes públicos que estamos traballando día a día polo sector, para que deste modo poidamos camiñar de forma conxunta e coordenada, e cunha estratexia común para impulsar esta marca Rio Minho que ten tanto que ofrecer ao mundo”.  

 O director do AECT Rio Minho salientou que eventos como este I Encontro de Ecoturismo e Gastronomía son unha oportunidade para mostrar ao mundo todo o que temos de bo no noso territorio”, e reiterou que “ao facelo xuntos e xuntas ofreceremos un produto máis completo”. Benítez apuntou que esta era a primeira vez que se celebraba un foro deste tipo con representantes institucionais de unha e outra beira do Miño pero “que con seguridade non sería último”. Ademais, fixo fincapé na importancia da presenza e participación no evento de empresas do sector privado como ocorreu na xornada de onte, que tivo lugar na vila de A Guarda, e na deste venres “que son as que traballan día a día polo noso turismo”.  

 “É necesario que se continúe facendo este tipo de accións e deseñar un camiño cunha estratexia común para ser máis eficientes e competitivos co obxectivo final de atraer máis visitantes”, apuntou. O deputado lembrou que o I Encontro de Gastronomía e Turismo do Rio Minho é unha iniciativa que forma parte do proxecto de Cooperación europea Visit Rio Minho, cofinanciado ao 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, “orientado á promoción e preservación do territorio, e que ten por obxectivo atraer visitantes a esta rexión con accións que xa se están executando nunha e outra beira e coa creación da marca Rio Minho, que temos hoxe aquí”.  

 Ao longo da xornada tiveron lugar diferentes actividades relacionadas coa gastronomía e a industria vitivinícola. Tras un debate con expertos e expertas de diferentes ámbitos académicos e profesionais o chef Alberto González, do restaurante Silabario, de Vigo, ofreceu unha demostración de cociñado con produtos do territorio. Xa pola tarde foi a quenda para as degustacións e catas de viños, cervexas e lamprea e microcharlas que ofreceron unha visión completa da gastronomía a través da antropoloxía, a historia e as actividades no territorio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario