17 de out. de 2019

A GUARDA

O ‘I ENCONTRO DE ECOTURISMO E GASTRONOMÍA DO RÍO MIÑO’ SITÚA AO RÍO TRANSFRONTEIRIZO COMO O CENTRO DO EIXO VIGO – PORTO   

“Contar coa marca Rio Minho permítenos ter unha oferta moito máis completa e transfronteiriza que nos fai máis fortes e competentes”, afirmou Uxío Benítez  

O evento continúa este venres en Caminha, coa I Xornada Gastronómica do Rio Minho 

A apertura correu a cargo do director do AECT Rio Minho e deputado provincial de Cooperación Transfronteiriza e impulsor da Marca Rio Minho, Uxío Benítez Fernández
Fotos: D. PO.

Infogauda / A Guarda

 O ‘I Encontro de Ecoturismo e Gastronomía do Río Miño’ botou a andar hoxe na Guarda co ‘I Congreso Turístico do Rio Minho’, xornada dedicada a profesionais tanto do sector privado como da administración. A apertura correu a cargo do director do AECT Rio Minho e deputado provincial de Cooperación Transfronteiriza e impulsor da Marca Rio Minho, Uxío Benítez Fernández.   

 Benítez sinalou a  “situación xeoestratéxica excepcional deste territorio” emprazado no eixo Vigo- Porto, no que ademais podemos atopar “unha importante actividade socioeconómica”. O deputado insistiu “na idea fundamental de entender este territorio galego- portugués como un espazo único, e ao río Miño como o seu centro”. “Contar coa marca Rio Minho permítenos ter unha oferta moito máis completa e transfronteiriza que nos fai máis fortes e competentes”, engadiu o director do AECT Rio Minho.  

 Pola súa banda, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva Rego, felicitou o AECT Rio Minho polo traballo levado a cabo e os proxectos que se están desenvolvendo no territorio e salientou que o territorio transfronteirizo do río Miño ten “todos os ingredientes para que haxa un gran proxecto e un produto de turismo sostible”. Ademais, sinalou que o Encontro que se celebra na Guarda “marca o inicio de algo grande, de ser capaces de construír algo que permita que crezamos xuntos, un proxecto para o futuro da xente do territorio”.  

 Tamén participaron na presentación do Congreso turístico o alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz; a directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita Urgoiti; o director do Centro de Estudios Euro Rexionais, Valerià Paül; a directora operacional de Turismo Porto e Norte de Portugal, Susana Riveiro e o presidente da Câmara Municipal de Caminha, Miguel Alves.  


 


 Con preto de 80 asistentes, superando todas as expectativas, a sesión da mañá estivo dedicada á creación de marcas turísticas e ao marketing dixital e continuou cunha mesa redonda sobre diferentes experiencias europeas de turismo transfronteirizo. Así, abordáronse os casos de Barakaldo, en Euskadi, diferentes casos europeos e o da propia marca Rio Minho, que correu a cargo do director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez.  

 O catering correu de man da escola de hostelaría do CIFP Manuel Antonio de Vigo, con produtos locais “km cero” e obxectos de menaxe sustentables e reciclables, que foi acompañado por viños da adega Terras Gauda.  

 Xa pola tarde, o ‘I Congreso Turístico do Rio Minho’ continuou cunha formación práctica sobre a creación de paquetes turísticos.  

Xornada Gastronómica en Caminha  

 Este venres celebraranse en Caminha as ‘I Xornadas Gastronómicas do Rio Minho’, que tamén se dividen en dúas sesións. A da mañá, dirixida exclusivamente a profesionais do sector da hostalería, reunirá a expertas e expertos en gastronomía que debaterán sobre as relacións entre restauración e turismo. A sesión da tarde, aberta ao público en xeral, combinará presentación de produtos, charlas e catas.  

 O proxecto Visit Rio Minho está cofinanciado nun 75 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco da convocatoria de axudas do Programa de Cooperación Territorial Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020.

Ningún comentario:

Publicar un comentario