21 de out. de 2019

A GUARDA

A ASEMBLEA COMARCAL DE CRUZ VERMELLA BAIXO MIÑO REALIZARÁ A SESIÓN INFORMATIVA “OS DEREITOS DOS NOSO MAIORES”

A sesión realizarase o xoves 31 de outubro de 10:30 a 12:00 horas, na Casa dos Alonso

Nesta nova actividade, impartida por un avogado, os maiores coñecerán os seus dereitos e recibirán información sobre a lei de dependencia 
   

Cruz Vermella / A Guarda 

 O xoves 31 de outubro, de 10:30 a 12:00 horas, na Casa dos Alonso (Praza do Reló, nº 1), Cruz Vermella en Baixo Miño ofrecerá a sesión informativa “Os dereitos dos maiores”, dirixida a persoas  maiores de 65 anos. 

 Os principais obxectivos desta charla son: dar a coñecer aspectos tan importantes como a protección das persoas maiores segundo o dereito (os dereitos humanos, o dereito internacional e o dereito nacional), e informar sobre a capacidade xurídica e a capacidade de obrar, así como sobre a lei de dependencia, incapacidade e tutela; entre outros aspectos. A sesión correrá a cargo do avogado Roberto Álvarez  Carrero.   

 Estas accións atópanse enmarcadas no proxecto denominado Bo Trato ás persoas maiores, promoción do trato adecuado e protección fronte aos malos tratos en Cruz Vermella, que a Asemblea Comarcal de Baixo Miño desenvolve co financiamento do Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social, e co que se pretende favorecer a adquisición de competencias persoais para a prevención de situacións de malos tratos, abuso ou neglixencias aos maiores de 65 anos. Para iso, exponse a realización de talleres para facilitar o desenvolvemento e o mantemento da autoestima e do estado emocional, ademais de achegar maior seguridade a estas  persoas.   

 Durante o ano 2019, traballamos con máis de 60 maiores desde o programa de Bo Trato, realizando sesións de orientación, seguimento e coordinación con varios grupos da comarca para previr este tipo de situacións ou actuar no caso de que se produzan, realizando unha atención tanto coas persoas como coa contorna.   

 Para poder participar neste taller é necesario inscribirse con antelación na sede de Cruz Vermella Baixo Miño. Ademais, as persoas interesadas poderán informarse dos diferentes proxectos e actividades que Cruz Vermella desenvolve para persoas maiores nesta comarca.    

Máis información:   

Asemblea Comarcal de Cruz Vermella Baixo Miño 
Rúa Agustín  Nandín Lomba, nº 1 Baixo
A Guarda
laguardia@cruzroja.es    
Teléfono: 986 614 609

Ningún comentario:

Publicar un comentario