15 de out. de 2019

A GUARDA

O ALCALDE E O GRUPO MUNICIPAL DO PSdeG-PSOE ASUMIRÁN EN MINORÍA, O GOBERNO DO CONCELLO

Nos vindeiros días reasignaranse ás concellerías, delegacións e representacións

De esq. a der.: Miguel Ángel Español Otero, Mª Montserrat Magallanes Álvarez, Antonio Lomba Baz, Mª Elena Baz Rodríguez e Fátima Rodríguez Marcos, na rolda de prensa de hoxe
Foto: Infogauda
 
Infogauda / A Guarda

  Logo de que o Grupo Municipal do BNG no Concello de A Guarda, informase á cidadanía, mediante unha nota de prensa difundida no día de onte 14 de outubro, da súa determinación, que resúmese no seguinte parágrafo: “O BNG non chegou aquí para ser cómplice das políticas continuístas levadas a cabo, por iso solicitamos a baixa na Seguridade Social e renunciamos ao salario, así como ás funcións de goberno”; o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz convocou no día de onte unha rolda de prensa para ás 13:00 horas deste martes día 15 de outubro, na Casa do Concello.

 Na súa comparecencia diante dos informadores, o alcalde, que estivo acompañado polos demáis concelleiros (Mª Montserrat Magallanes Álvarez, Mª Elena Baz Rodríguez, Fátima Rodríguez Marcos e Miguel Ángel Español Otero)  do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE, dixo: "(...) A verdade e que non se fan moitas roldas de prensa aquí na Guarda, pero nós consideramos que o motivo era da suficiente entidade como para facer unha nota de prensa.

 Imos a falar, lóxicamente de dúas cousas: da rúa Concepción Arenal e da ruptura do pacto de goberno aquí na Guarda. E ademais quero matizar que dende que comezamos a gobernar, despois das eleccións de maio, por parte do Grupo Municipal Socialista, prácticamente non se falou de ningunha das dúas cousas nos medios de comunicación. Sí falamos, por suposto  entre nós (...)".

  A continuación fixo público o que segue:

 "Comunicado do alcalde da Guarda e o GMS con motivo da ruptura do acordo de goberno. (15/10./2019)

 Despois das eleccións municipais de maio de 2019 o PSOE e BNG asinamos un acordo para gobernar xuntos a lexislatura 2019-2023. Este acordo (14/06/2019) permitiría ter un goberno de progreso na Guarda formado por 10 concelleiros.

 Dende o principio o regulación do tráfico por Concepción Arenal representou un punto crítico no acordo de goberno. Para solventar as diferencias respecto desta cuestión os dous grupos acordaron respectar as indicacións do Plan de Mobilidade do concello da Guarda e así o fixemos constar no texto acordo. 

 Nas primeiras reunións da comisión de seguimento do pacto de goberno formada por 6 concelleiros, 3 de cada grupo, celebradas os días 12, 23 e 24 de xullo, matizouse e concretouse, entre outras cousas, a regulación do tráfico e a sinalización da rúa Concepción Arenal: 

 Será unha rúa de preferencia peonil nos lugares onde os peóns convivan cos vehículos.

 Habilítase un sentido único de circulación entre a rúa Galicia e a rúa Tomiño. 

 Posibilítase o acceso a Concepción Arenal e Domínguez Fontela dende a rúa Ourense e Manuel Álvarez. 

 Facilítase o transito dos vehículos pesados. Así, os camións e autobuses poderán acceder ao porto a través da Praza de Avelino Vicente e poderán subir por Concepción Arenal dende o Porto ata a rúa Galicia directamente. 

 Déixase, como estaba previsto, o dobre sentido de circulación entre o porto e a rúa Enrique María Sexto. 

 A partir deste momento entendíamos que estaban completamente solventadas as diferencias de criterio respecto ao funcionamento da rúa Concepción Arenal. Sen embargo, aos poucos días da última reunión de xullo, instalaron unha sinalización provisional que non se correspondía coa que habíamos acordado. Mais que regular o tráfico o que facía era prohibir a circulación nun importante tramo da rúa transformándoa en peonil. 

 Visto este cambio de criterio falamos co BNG en distintas ocasións para pedirlle explicacións. Dado que non conseguimos que o BNG reconsiderara a súa nova postura e retomara o acordo de goberno,  dirixinme a Deputación de Pontevedra para solicitar a paralización da colocación da sinalización definitiva co obxecto de evitar máis confusión e gastos innecesarios. 

 Dende a paralización da colocación da sinalización, no mes de agosto, ata a última semana de setembro, cando se celebrou o pleno no que se debateu a problemática da rúa, seguimos intentando ter achegamentos para salvar o acordo de Goberno. Unha das xuntanzas importantes neste tempo foi a que tivemos o día 2 de setembro na Deputación, onde, ademais de representantes dos dous grupos municipais [PSdeG-PSOE e BNG], estaba o deputado de Infraestruturas e o equipo técnico que fixo o seguimento da obra e o modificado do proxecto. Nesta xuntanza os técnicos pedíronlle ao portavoz do BNG que reconsiderara o seu posicionamento, avalando así a proposta recollida no acordo de goberno, que cumpría cos criterios do plan de Mobilidade. 

 Durante o mes de setembro seguimos tendo contactos pero, visto que o BNG insistía en facer pública a súa postura e a discrepancia dentro do equipo de goberno, o 24 de setembro, solicitamos formalmente a Deputación a sinalización definitiva que habíamos acordado. Así o publicamos nunha nota de prensa, para informar aos veciños de que non compartíamos o cambio de posicionamento do BNG e adiantando a que ia a ser a nosa postura no pleno.

 No pleno extraordinario do 30 de setembro, con un punto único sobre [a rúa] Concepción Arenal, fíxose pública a discrepancia dos dous grupos e a intención do BNG de non dar cumprimento ao acordo de goberno. Tamén nese pleno expresei a miña firme resolución e a do Grupo Municipal Socialista de cumprir co pactado e expliquei alí mesmo como iba a ser o funcionamento de Concepción Arenal. 

 No mesmo pleno o portavoz do BNG fixo referencias a peonalización doutras rúas mostrando a súa intención de non respectar o plan de Mobilidade ao que se fai referencia no acordo de goberno. 

 Nestes últimos días, aínda cando mantiñamos canles de comunicación, sucedéronse distintas declaracións do BNG descalificando ao alcalde da Guarda, acusándome de irresponsable, provocador e mesmo criticando a falta de información. 

 A este respecto quero dicir que en todo momento intentei manter o acordo de goberno. Que solo fixen uso das miñas atribucións como alcalde cando o BNG incumpriu o acordado. Que actuei sempre en defensa dos dereitos dos veciños e dos compromisos que adquirín con eles ao asinar o acordo de goberno. 

 Non é de recibo a falta de lealdade e respecto do BNG con este alcalde e a institución municipal que represento. As discrepancias dun goberno deben resolverse coa cesión de ambas partes e sempre arredor dunha mesa, non ventilándoas nos medios de comunicación. Sempre actuei coa máxima responsabilidade e mesura, sempre estiven aberto ao diálogo, sempre informei con antelación aos nosos socios de goberno de todos os pasos que fun dando e, cando o considerei de interese, tamén informei á cidadanía".

ABERTA UNHA NOVA ETAPA DE GOBERNO EN MINORÍA

  Rematado á lectura do comunicado, o alcalde engadiu: "(...) Neste caso ás discrepancias, sabémolo hoxe, tiveron como consecuencia, todos o sabedes xa, a rotura do pacto e á saída do goberno [municipal] do Bloque Nacionalista Galego. 

 Isto é, en esencia o que vos quería decir (...)"

 "(...) Eiquí estamos o que ata agora era medio goberno do Concello da Guarda, do PSdeG-PSOE, que a partir de hoxe, este goberno vamos asumir todas as competencias e tirar para adiante. Porque eu creo que o necesita á institución, o necesita á vila,... 

 Temos moitos proxectos, xá inminentes, e moitos proxectos para o futuro (...)".

 Respondendo á pregunta dun redactor de Infogauda, sobre cal prevé o grupo de goberno que será o seguinte paso que se vai producir eiquí; o alcalde Antonio Lomba Baz dixo: "Eu non sei por parte deles. Me imaxino que se pasarán á oposición. Non sei que tipo de oposición van a facer.

 Por parte nosa, agora mesmo está a Secretaria preparando á documentación para reorganizar o goberno, reorganizar ás delegacións, e reorganizar ás representacións. Sobre todo reorganizar o goberno. A Comisión de Goberno, representacións que temos na Mancomunidade [Intermunicipal do Baixo Miño], as delegacións, as representacións que temos, por exemplo, en Cruz Vermella,...

 E nós, pola nosa parte, iso xa é unha labor que teño que facer eu, terei que reorganizar ás delegacións dentro do equipo de goberno. Pero entendede que nun tempo tan breve, non tiven tempo de sentarme á iso siquera (...)". 

 Respecto a si vai variar moito á ruta a seguer, o alcalde dixo: "(...) Para nós non varía moito. É certo, porque nós tiñamos feito un traballo moi importante de atrás e logo non nos deu tempo de definir a ruta co BNG. Nós traíamos á nosa. Ibámola poñer encima da mesa, contrastala coa do BNG, para configurar unha ruta xuntos,... Fixémola en moi pouquiñas cousas. Falamos de tres ou catro cousas. Chegou isto de Concepción Arenal e parouno todo.

 Realmente nós temos a mesma ruta que traíamos porque non nos deu tempo de combinala con eles para elaborar unha ruta de goberno conxunta para estes catro anos". 

 Respecto ás relacións persoais entre os concelleiros do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE e os do Grupo Municipal do BNG o alcalde dixo: "(...) Eu espero que a nosa relación persoal - ata agora non foi mala, incluso con algúns deles foi boa - non se resinta.

 Nós temos que desempeñar o noso cárrego. Eles van a seguer sendo membros da Corporación do Concello da Guarda. Creo que vamos a seguer tendo trato e nós, no futuro, sabemos que imos gobernar en minoría importante. Somos cinco concelleiros e para sacar algúns temas adiante vamos a ter que falar. E a nosa intención é falar con todos os grupos da Corporación, incluído o BNG, cando consideremos que aquelo é importante para á vila, para á institución e para os veciños (...)".

  Dese xeito, o alcalde Antonio Lomba Baz e seu equipo - en total cinco concelleiros dun total de dezasete corporativos - van asumir en solitario e con total serenidade, o goberno municipal do Concello de A Guarda. Non será unha tarefa doada, diso estamos totalmente seguros, máis en todo caso agardamos que todos os demáis corporativos teñan á suficiente altura como para contribuir a boa gobernanza. Porque se así o fan, como cabe agardar, con certeza que no seu momento recollerán os froitos da súa labor a prol dos veciños. E se polo contrario, seus esforzos van dirixidos á torpedear á nave do goberno, tamén colleitarán o que lles corresponda. Non en balde, a fin de contas, catro anos pasan relativamente axiña, e os cidadáns teñen memoria de seu, e en Democracia din o que pensan.

Ningún comentario:

Publicar un comentario