Ante ás inxerencias do alcalde, segundo denuncian os nacionalistas
O PACTO DE GOBERNO MUNICIPAL (PSdeG-PSOE-BNG) ENCALLOU
Os concelleiros do BNG con dedicación renuncian ao seu salario e piden a baixa na Seguridade Social no Concello
Anxo Lois Baz Vicente (portavoz municipal do BNG no Concello de A Guarda): “A reunión da Comisión de Seguimento constatou unha vez máis a intención do alcalde socialista de seguir interferindo nas nosas competencias”
Anxo Lois Baz Vicente - no centro da imaxe - xunto cos demáis membros do Grupo Municipal do BNG no Concello de A Guarda, logo de presentar na mañá de hoxe, por rexistro de entrada, súa renuncia ao salario, así como ás funcións de goberno
Infogauda / A Guarda
Logo que o Grupo Municipal do BNG no Concello A Guarda se vise - segundo afirmou seu voceiro municipal - “na obriga de convocar á Comisión de Seguimento do pacto de goberno no concello guardés a raíz dos graves feitos ocorridos nos últimos días e tras as manifestas inxerencias por parte do alcalde do municipio (PSOE) en áreas de responsabilidade e competencia exclusiva do BNG”, o portavoz nacionalista e polo de agora, tenente de alcalde, Anxo Lois Baz Vicente, denunciou unha vez máis “a irresponsabilidade dos socialistas, incapaces de liderar un goberno forte co que mudar e mellorar A Guarda e que prefiren a imposición en lugar do consenso a pesar de que supoña un prexuízo evidente para a veciñanza”".
Diante deses precedentes, “o BNG convocou para este luns unha reunión da Comisión de Seguimento porque síntese na obriga de traballar a prol dos guardeses e guardesas e non estamos atados ás cadeiras do Goberno nin aos salarios”.
Rematada a devandita reunión o Grupo Municipal do BNG no Concello de A Guarda cualifica ao alcalde socialista de “irresponsabilidade tras seguir interferindo de forma clara nas áreas de competencia exclusiva dos concelleiros nacionalistas”. Así o ven de afirmar, mediante unha nota de prensa recibida na mañá deste luns 14 de outubro de 2019 na Redacción deste xornal dixital transfronteirizo, Anxo Lois Baz Vicente, portavoz municipal do BNG no Concello de A Guarda
“Tras a reunión mantida coa Comisión de Seguimento do pacto de goberno convocada polo BNG, os concelleiros do grupo constatamos unha vez máis que o alcalde non vai cesar na súa actitude nin na súa intención de seguir interferindo nas nosas competencias”, afirmou Anxo Lois Baz.
“Nas últimas eleccións municipais - engade o voceiro municipal do BNG no concello guardés - a veciñanza da Guarda votou un cambio de rumbo que se traduciu na entrada do BNG no goberno municipal con cinco concelleiros, un reto que se asumiu dende o primeiro día cunha actitude positiva e colaborativa. Durante estes tres meses os concelleiros nacionalistas fixemos todo o posible por levar adiante o pacto de goberno, pacto que ante as inxerencias do alcalde non é viable”.
“O BNG NON CHEGOU PARA SER CÓMPLICE DAS POLÍTICAS CONTINUISTAS”
Asemade, Anxo Lois Baz afirma de xeito contundente: “O BNG non chegou aquí para ser cómplice das políticas continuístas levadas a cabo, por iso solicitamos a baixa na Seguridade Social e renunciamos ao salario, así como ás funcións de goberno”.
Polo tanto, a partires deste momento, xa ninguén poderá afirmar que o vencello que houbo desde á toma de posesión da actual Corporación Municipal ata o día de hoxe, entre os grupos municipais do PSdeG-PSOE e do BNG está fundamentado no interese económico e mesmo no político, xa que é obvio que desde agora, deixa de existir o posible interese económico por parte dos concelleiros nacionalistas, e súa estratexia política é sensiblemente ben distinta, e para nada coincidente, coa do grupo político que polo de agora lidera o alcalde Antonio Lomba Baz.
Para o portavoz nacionalista, Anxo Lois Baz, “as políticas que desenvolve o PSOE prexudican gravemente á veciñanza da Guarda porque impiden levar adiante o proxecto posto en marcha polo BNG, un proxecto que busca investir en calidade de vida e en benestar social e que ten como eixo central desenvolver espazos que contribúan a atoparse a un mesmo e a relacionarse coa contorna natural e humana. En definitiva, dar pasos cara adiante para situar A Guarda no modelo de concellos que apostan sen titubeos polo futuro”.
Finalmente Anxo Lois Baz salientou que, “pese a situación, non renunciamos a seguir traballando por un modelo de futuro para A Guarda que, antes ou despois, estamos convencidos de que vai a chegar”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario