30 de set. de 2019

TURISMO

A Guarda e Caminha acollerán en outubro o `I Encontro de Ecoturismo e Gastronomía do Rio Minho'  

Do 17 ao 19, as vilas reunirán a especialistas do sector do turismo e a gastronomía para pór en valor os recursos deste territorio

Desde o Monte Santa Trega vemos como o pobo de Camposancos (A Guarda) olla para Caminha (Portugal) e viceversa
Foto: Infogauda


Infogauda / A Guarda

 Os días 17, 18 e 19 de outubro A Guarda e Caminha acollerán o ‘I Encontro de Ecoturismo e Gastronomía do Rio Minho' organizadas polo proxecto Visit Rio Minho. As xornadas están especialmente orientadas a profesionais e persoal técnico do sector turístico e gastronómico do territorio relacionados cos ámbitos da animación, natureza, hostalería, industria vitivinícola, restauración, vivenda rural, sendeirismo, emprendemento do sector do turístico e gastronomía, así como persoal técnico municipal relacionado coa información e promoción turística, cultural ou de natureza.  

 O xoves 17 de outubro celebrarase o ‘I Congreso de Turismo do Rio Minho' en A Guarda. A actividade, dedicada a profesionais do turismo xa sexa do ámbito empresarial como da administración pública, contará coa participación de numerosos expertos e expertas deste ámbito. Pola tarde haberá unha sesión de formación práctica sobre a creación de paquetes turísticos.   

 A gastronomía en todas as súas vertentes ocupará a xornada do venres 18 en Caminha. As ‘I Xornadas de Gastronomía do Rio Minho' dividiranse nunha sesión de mañá, exclusiva para profesionais da gastronomía, onde haberá un debate, unha demostración de cociñado e unha sesión de tarde aberta a todo o público na que se combinarán presentación de produtos, charlas e degustacións.  

 Por último, o sábado 19 A Guarda e Caminha organizan diferentes actividades de lecer como peche do I Encontro de Ecoturismo e Gastronomía do Rio Minho.  

 O encontro é a primeira actividade da marca transfronteriza Río Miño / Rio Minho despois da presentación celebrada no Parador de Tui en abril deste ano, e con ela preténdese viabilizar e modernizar a oferta turística do Miño transfronteirizo e pór en valor os seus recursos.  

 As inscricións son gratuítas e pódense tramitar a través da páxina www.encontroriominho.eu, onde tamén se pode atopar toda a información actualizada.  

 Esta actividade está promovida pola Deputación de Pontevedra e o Centro de Estudos Euro Rexionais dentro do proxecto de cooperación transfronteiriza VISIT RIO MINHO, que conta cun 75% de financiamento FEDER, e do cal tamén forman parte a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho, o AECT Río Miño, os concellos de ambas marxes do Miño, Universidade de Vigo e o Centro Tecnolóxico do Mar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario