4 de set. de 2019

SANTIAGO DE COMPOSTELA

Á venda  Disorders, un disco colaborativo sobre saúde mental 

· O álbum conta con 7 cancións de metal progresivo, cuxas letras están escritas e ilustradas por persoas con problemas de saúde mental de todo o mundo. 

· O disco forma parte do proxecto  Fear  of  Missing  Out, unha iniciativa artística multidisciplinar que inclúe música, poesía, debuxo e escultura, entre outros. 


 Infogauda / Santiago

 Fear  Of  Missing  Out publica hoxe o seu primeiro traballo,  Disorders. O álbum pódese obter en  fearofmissingoutproject. com, en formato CD, así como nas principais plataformas dixitais. 

 Fai xa máis de 4 anos, o músico  mosense Carlos Morais puxo en marcha un proxecto baixo o nome de  Fear  of  Missing  Out, onde pretendía dar a coñecer os problemas de saúde mental en primeira persoa, partindo dun disco como proposta inicial. A partir de aí, a iniciativa tomou vida propia e acabou derivando nun proxecto artístico  multicisciplinar no que participaron múltiples persoas con problemas de saúde mental de todo o mundo. 

 Disorders, a parte musical deste proxecto, conta con 7 cancións, máis un bonus  track, sobre diferentes problemas de saúde mental: anorexia, autismo, esquizofrenia, trastorno obsesivo compulsivo, depresión, trastorno límite de personalidade e trastorno bipolar. As letras destas cancións foron escritas por persoas de países como Namibia, EEUU, ou a India, que contan en primeira persoa a súa experiencia. 

 O libreto inclúe ilustracións realizadas por artistas de FEAFES, tamén con problemas de saúde mental, que complementan a letra de cada canción. 

 Musicalmente, o álbum enmárcase dentro do metal progresivo/ambiental, con influencias de  Tool,  Tesseract,  Metallica ou  Pain of  Salvation. As cancións móvense nun rango moi amplo de rexistros, que permiten expresar a gran variedade de emocións necesarias para falar sobre saúde mental. 

 O disco presentarase en directo o mes de outubro, coincidindo co Día Mundial da Saúde Mental, en varios concertos polas principais cidades galegas. 

 O obxectivo deste proxecto é achegar un gran de area á loita contra o estigma que pesa sobre os problemas de saúde mental, un tema tabú que esta iniciativa pretende sacar á luz con normalidade, respecto e empatía, así como mostrar as capacidades artísticas dos participantes na súa creación. 

 Parte dos beneficios deste proxecto destínanse a FEAFES Galicia, entidade sen ánimo de lucro que busca a mellora da calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e os seus familiares.

Ningún comentario:

Publicar un comentario