16 de set. de 2019

SALCIDOS (A GUARDA)

No entorno das rúas Vigo e Real Club Celta 

Arrancan as obras da mellora da seguridade

O alcalde Antonio Lomba Baz e o concelleiro de Vías e Obras no Rural, Miguel Ángel Español Otero visitaron esta mañá o arranque das obras na Rúa Vigo 
Fotos: C.A.G.


Infogauda / A Guarda

 Esta semana iniciáronse as obras de remodelación e mellora da seguridade das rúas Vigo e Real Club Celta, a través do Plan Depo-Remse, da Deputación de Pontevedra. 

 O alcalde Antonio Lomba Baz e o concelleiro de Vías e Obras no Rural, Miguel Ángel Español Otero visitaron esta mañá o arranque das obras na Rúa Vigo. 

 No entorno destas rúas, da parroquia de Salcidos, o Concello de A Guarda conta con varias instalacións e equipamentos públicos coma o Centro de Saúde, o Conservatorio Elemental de Música, o Pavillón Municipal, o o CEIP A Sangriña, o IES A Sangriña, o Estadio Municipal da Sangriña, a Piscina Municipal e o Punto Limpo, lugares que son frecuentados por milleiros de persoas de todas as idades, na súa maioría rapaces e rapazas, para asistir a estes equipamentos. 

O alcalde Antonio Lomba Baz e o concelleiro de Vías e Obras no Rural, Miguel Ángel Español Otero supervisando o comezo das obras na Rúa Vigo


 "Coa posta en marcha da execución deste proxecto se pretende mellorar estes desprazamentos peonís, mellorando a seguridade dos usuarios, peóns e tamén a circulación de vehículos, coa construción dunha glorieta no coñecido coma Cruce dos Bechos", informaron fontes municipais. 

 As obras realízanse na Rúa Vigo, dende o enlace coa PO-552 ata o Conservatorio e o enlace coa Rúa R. C. Celta, sendo esta actuación unha primeira fase, que se pretende ampliar en futuros proxectos para dar continuidade á humanización da totalidade destas dúas rúas. 

 O proxecto de mellora da mobilidade e da seguridade no contorno das rúas Vigo e R. C. Celta, conta cun orzamento de 588.235,29 euros, dos cales 500.000 apórtaos a Deputación de Pontevedra e 88.235,29€ o Concello de A Guarda. 

 Todos os proxectos aprobados, tal e como informou Carmela Silva  Rego, presidenta da institución provincial, correspóndense con obras completas que melloran a calidade de vida da veciñanza, dan cumprimento á normativa vixente sobre seguridade viaria, foron aprobados polo órgano competente do concello e contan con terreos de titularidade municipal. Ademais, para a valoración de todos eles, tamén se tiveron en conta criterios como a poboación, a extensión da rede viaria municipal, a densidade de poboación e a calidade e madurez dos proxectos, sendo o proxecto presentado pola Guarda, un dos que acadou as mellores puntuacións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario