16 de set. de 2019

A GUARDA

A esfera do reloxo da Praza do Reló vai ser reparada

Dous operarios de Relojería Pagán - un na parte superior da Torre do Reló, e outro pendurado, diante da esfera do reloxo -, realizando os traballos previos a sustitución da esfera
FotoS: C.A.G.

 Infogauda / A Guarda

 No día de hoxe, o executivo municipal do Concello de A Guarda, que preside o alcalde Antonio Lomba Baz, ven de facer público que o venres 13 de setembro comezaron os traballos de mantemento e reparación do reloxo que se atopa na que fora torre vixía da antiga muralla da vila, ubicada na Praza do Reló, un dos elementos patrimoniais do casco urbano guardés.

 A Torre do Reló, como é coñecida popularmente, protexía un dos accesos á vila intramuros. No 1570 levantouse a actual torre sobre outra primitiva. Restaurouse en 1730 por ameazar ruína a anterior, substituíndose nese ano a campá. Ao longo de moitos anos, o reloxo mecánico, doado en 1899 polo emigrante - en Puerto Rico, nun primeiro momento, e posteriormente en New York - José Manuel Andreini Verde (A Guarda, 1850 -  New York, 1932), era polo que rexía a maioría dos veciños da vila

 Una praca de mármore situada na Torre do Reló - co texto AL BENEMÉRITO GUARDÉS D. JOSÉ MANUEL ANDREINI DONANTE DE ESTE RELOJ, GENEROSO FAVORECEDOR DE SU PUEBLO NATAL MCMXXIV -, documenta o agradecemento do pobo guardés deica o destacado filántropo. 

 Posteriormente, na década dos anos 90 do pasado século, o vello reloxo mecánico deixou paso a un novo, provisto de mecanismo de precisión de cuarzo e dun sistema GPS que recibe cada minuto a correspondente sinal do satélite, con o cal, en condicións normais, se a sinal é coherente cada 3 minutos, sempre indica á hora oficial que haxa en cada momento, sen necesidade de correxila manualmente. Ese novo reloxo foi fornecido e instalado pola empresa Relojería Pagán, de Vigo, momento a partir do cal, a esfera e a maquinaria do reloxo antigo, deixou de prestar servizo, quedando a maquinaria no interior da Torre do Reló, e alí permanece.

 De tódolos xeitos, podemos informar que o grupo de goberno municipal do Concello de A Guarda está valorando a posibilidade de desmontar a maquinaria do vello reloxo - xa que tal e como se atopa, non se pode sacar de onde está -, reparar os compoñentes que están deteriorados polo paso do tempo e sobor de todo pola corrosión, debida fundamentalmente á proximidade co mar, e posteriormente expoñela ao público nun lugar axeitado.

O ANTIGO BRASÓN HERÁLDICO DO CONCELLO DE A GUARDA

 Queremos salientar que no corpo da Torre do Reló destacan o brasón de armas do bispo Diego de Torquemada y Toboso (Bujalance (Córdoba), 1524 - Madrid, 1582)  así como o escudo que - xunto co que figura na antiga Casa Forestal do Monte Santa Trega, que segundo o cóengo e historiador, M. I. Sr. D. Juan Domínguez Fontela, "(...) se esculpió antiguamente en una piedra rectangular, que se incrustó en 1559 en la fachada del antiguo ayuntamiento (...)",  e o da porta lateral da igrexa parroquial de Santa María da Asunción, que como afirmou o referido autor foi "(...) labrado en 1570 (...)" - considerámolos como os máis antigos brasóns heráldicos do Concello de A Guarda, dos que temos constancia epigráfica.

 Asemade, na mesma Torre do Reló, nunha cota máis baixa figuran tamén os dous escudos de armas, procedentes da fachada da desaparecida casa situada na rúa Colón, fronte o emprazamento do que fora Hospital de San Marcos que atendía os peregrinos.

 Os traballos na Torre do Reló "realízanse - segundo informan desde o Concello de A Guarda - despois da rotura parcial da esfera do reloxo, de xeito que estará fora de funcionamento ata que a esfera sexa substituída por unha nova, á vez que se realiza o mantemento do seu conxunto". 

 Segundo pudo saber á Redacción deste xornal dixital tranfronteirizo a incidencia na esfera do reloxo actual viu motivada porque xurdiu unha planta. Como consecuencia diso danouse o cerquillo de cemento que suxetaba a esfera, así como á esfera mesma.

 Agora mesmo, guiándose por fotografías antigas, cabe a posibilidade, se así o determina o grupo de goberno municipal do Concello de A Guarda, de poder dispór dunha esfera de características semellantes - no que respecta a distribución dos espazos horarios - a que había antigamente.

Desde Infogauda suxerimos que se supriman todos os elementos que inxustificadamente afean a Torre do Reló

  
  Ademais da súa utilidade por ser o soporte do reloxo público, que facilita á hora aos veciños da vila, a Torre do Reló é, sen lugar a dúbidas, un destacado elemento patrimonial. Con razón é tamén un dos monumentos máis fotografados polos milleiros de visitantes que se achegan A Guarda cada ano.

 Desde Infogauda suxerimos que se supriman todos os elementos (buzón de Correos, cableado, sinal de tráfico, etc.) que inxustificadamente afean a Torre do Reló, e cóidese o ornato dese ben patrimonial que forma parte da Historia de A Guarda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario