16 de set. de 2019

OIA

O Concello de Oia avanza na actuación do camping Pedra Rubia    

A operación suporá a compra de 17.012,90 m² de solo rústico e  financiarase con 120.000 euros procedentes de remanentes de tesourería e outros 80.000 euros achegados pola Xunta de Galicia  

A alcaldesa do Concello de Oia, Cristina Correa Pombal co arquitecto Luis Miguel Zozaya Servera e o concelleiro de Medio Ambiente e Persoal, José Manuel Rodríguez González
Foto: C.O.


Infogauda / Oia

 O Concello de Oia avanza na actuación que suporá a compra dos terreos do antigo camping Pedra Rubia, situado na zona do Aguncheiro (Mougás), co obxectivo de recuperar este enclave con usos como zona de esparcemento, usos deportivos e de lecer.  

 Así, a corporación municipal aprobou o inicio do expediente de compra do terreo no pleno extraordinario do pasado 5 de setembro. O acordo foi aprobado por unanimidade, co apoio dos grupos municipais do PP, PSOE e BNG.  

 A operación suporá a compra dunha parcela de 17.012,90 metros cadrados de solo rústico e  financiarase con 120.000 euros procedentes de remanentes de tesourería e outros 80.000 euros que serán achegados pola Xunta de Galicia a través dun convenio.  

Parcelamento 

 A parcela do antigo camping Pedra Rubia ten unhas dimensións totais de 19.000 metros cadrados, dos cales 17.012,90 metros cadrados corresponden a solo rústico e o resto a solo urbano de núcleo rural. O Concello procederá á compra da área de solo rústico, polo que cómpre facer un parcelamento do terreo.   

 Este parcelamento deberá recibir o visto e prace de Costas e máis de Patrimonio, tramitacións nas que xa se está a traballar para poder proceder á compra-venda.  

Visita aos terreos  

 A alcaldesa, Cristina Correa Pombal, e máis o concelleiro de Medio Ambiente e Persoal, José Manuel Rodríguez González, veñen de realizar unha visita aos terreos do camping acompañados polo arquitecto responsable do parcelamento da zona, Luis Miguel Zozaya Servera.  

 A visita serviu para explorar e visualizar distintas posibilidades de recuperación do lugar a través de usos de esparcemento, deportivos e de lecer, en consonancia coas instalacións que xa existen e que presentan un importante estado de deterioro. Entre estes equipamentos atópase a antiga recepción do camping, os vestiarios e almacéns, a zona de aseos e duchas, o edificio da que fora a cafetería-restaurante e unha pista polideportiva, así coma unha piscina.

Ningún comentario:

Publicar un comentario