#AVeciñanzaConta
O GOBERNO MUNICIPAL DO CONCELLO DO ROSAL REÚNESE COAS TRAÍDAS DE AUGAS VECIÑAIS E DÁ COMEZO AO ESTUDO PARA UN PLAN DE APOIO ÁS MESMAS
O
goberno municipal do Concello do Rosal, presidido pola alcaldesa Ánxela
Fernández Callís, mantivo unha reunión coas comunidades de augas de
traídas veciñais
Foto: C.O.R.
Infogauda / O Rosal
Dentro do programa #AVeciñanzaConta, o goberno municipal do Concello do Rosal, presidido pola alcaldesa Ánxela Fernández Callís, mantivo unha reunión coas comunidades de augas de traídas veciñais.
Na mesma, ademais da alcaldesa, participaron as concelleiras Sara Vicente, responsable da área de Medio Ambiente, a concelleira Sabela Rodríguez e o concelleiro Germán Fernández. A reunión permitiu ao goberno municipal ter un primeiro contacto con membros de todas as traídas veciñas e sentar as bases do inicio dun estudo para a elaboración dun Plan de Apoio ás Traídas de Augas Veciñais por parte do Concello.
“As comunidades de augas veciñais traballan e están involucradas na xestión dun ben tan esencial e necesario como é a auga. A auga é un elemento inherente á vida das persoas. Podemos prescindir de moitas cousas, mais nunca poderemos prescindir da auga. Contar con veciñanza implicada na xestión dun ben tan importante e vital conleva non só a necesidade dun recoñecemento pola nosa parte senón tamén dunha colaboración estreita e constante que responda a criterios obxectivos na xestión e que teña unha perpectiva de mellora que traballe non só na solución dos problemas cotiás que xorden senón tamén na previsión do medio e longo prazo.
Por iso, realizaremos un estudo pormenorizado e detallado da situación de cada unha das Comunidades de augas co obxectivo de poder artellar e executar nun futuro próximo un Plan Anual de apoio ás Traídas de Augas Veciñais que responda a criterios obxectivos e que mellore progresivamente a realidade das mesmas.
Para iso, visitaremos e faremos unha análise da situación de todas e cada unha das traídas veciñais.
No noso Concello contamos cun grande capital humano tamén neste ámbito, con moitos veciños que levan anos implicados no mesmo.
Demos inicio a un proxecto para nós fundamental no que temos moitas ganas de traballar.
Por outro lado, con esta reunión tamén sentamos o xerme para a concreción do Consello Municipal das Augas, un órgano consultivo no que traballaremos man a man tamén no ámbito da auga”, afirma a alcaldesa.
Desde o Concello queren agradecer a boa disposición a colaborar e a traballar conxuntamente amosada por parte dos membros das comunidades de augas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario