9 de set. de 2019

MADRID

OS SOCIOS DO PROXECTO EUROPEO TITTAN, QUE COORDINA GALICIA, REÚNENSE NA DELEGACIÓN DA XUNTA EN MADRID PARA COMPARTIR EXPERIENCIAS  

O obxectivo é establecer unha rede de intercambio de boas prácticas para potenciar a innovación e transferencia de tecnoloxía sanitaria, centrada no envellecemento da poboación  

O delegado da Xunta, José Ramón Ónega, diríxese aos asistentes á xuntanza, acompañado polo xestor  do proxecto, José María Romero Fidalgo
Foto: Casa de Galicia


Infogauda / Madrid

 Os socios do proxecto interrexional europeo TITTAN, (Translation, Innovation & Technology Transfer in Ageing Network) que coordina a Consellería de Sanidade de Galicia a través da Axencia de Coñecemento en Saúde ( ACIS) celebraron hoxe na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia a primeira reunión do proxecto na súa segunda fase, co obxecto de compartir experiencias relacionadas coa implementación dos seus respectivos plans de acción, que constitúen a segunda fase do proxecto. Aquí foron recibidos polo delegado da Xunta de Galicia en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega, quen lles desexou unha proveitosa xornada de traballo.  

 O obxectivo de TITTAN é establecer unha rede de intercambio de boas prácticas entre sete rexións europeas para potenciar a innovación e transferencia de tecnoloxía no ámbito da saúde, especialmente nas enfermidades e liñas de traballo relacionadas co envellecemento da poboación. O proxecto está financiado a través do programa Interreg Europe, ten unha duración 4,5 anos e conta 1,7 millóns de euros de investimento.  

 Está formado por sete socios, a ACIS de Galicia e “outras seis organizacións de referencia en Europa: a Fundación Vasca de Innovación e Investigación Sanitarias (BIOEF de Euskadi), a Fondazione Regionale per a Ricerca Biomedica (FRRB, de Lombardia en Italia), o Healthy Saxony (HS de Sajonia en Alemaña), o Dixital Health & Care Institute (DHI de Escocia en Reino Unido), a Lower Silesian Voivodeship Marshal Office (LSVMO de Baixa Silesia en Polonia) e o Concello de Almere nos Países Baixos”, explica o xestor do mesmo, José María Romero Fidalgo, da ACIS.  

 O proxecto divídese en dúas fases. A primeira fase de intercambio de boas prácticas entre os socios do consorcio comezou en abril de 2016 e finalizou en setembro de 2018 coa elaboración dun plan de acción por parte de cada un deles. A segunda fase, na que se está traballando actualmente, consiste na implantación dos plans elaborados durante a fase 1 e ten unha duración de 24 meses.  

 Durante a reunión cada rexión socia expuxo os avances que logrou ata o momento na implantación dos plans de acción. “O plan de acción de Galicia consiste na implantación dunha rede de Living Labs de saúde nas áreas sanitarias de Galicia, chamada LABSAÚDE. Esta iniciativa trata de converter aos hospitais galegos e centros de saúde en contornas reais de probas de solucións innovadoras como paso previo de acceso ao mercado”, explica Romero.   

 “A rede baséase no modelo de cuádrupla hélice onde o sistema de saúde galego, a industria, a academia e a sociedade poden traballar conxuntamente nunha contorna real. Os usuarios finais poden influír no deseño das solucións reducindo os riscos de aceptación e facer máis eficiente o proceso de innovación. Iso logrará un maior dinamismo e eficiencia do sistema de saúde que redunde en mellores prestacións de servizos ao cidadán”, detalla o xestor da ACIS.

Ningún comentario:

Publicar un comentario