9 de set. de 2019

MADRID

“LINGUA E CULTURA GALEGAS”, CURSO DE INICIACIÓN AO GALLEGO NA CASA DE GALICIA EN MADRID  

A convocatoria realizarase o vindeiro venres na páxina web da Casa de Galicia  

Infogauda / Madrid

 A Casa de Galicia en Madrid, sede da Delegación da Xunta na capital de España, ofrecerá proximamente o curso presencial de galego “Lingua e cultura galegas” cun amplo programa dirixido a cantas persoas, galegas ou non, desexen iniciarse e/ou mellorar no idioma, así como adquirir coñecementos básicos tamén en historia, arte, literatura e cuestións de sociolingüística no ámbito galego. A convocatoria realizarase o vindeiro venres na web da Casa (https:// casadegalicia. xunta. gal) e nela indicaranse datas, horarios e prazo de inscrición.  

 O curso impartirase de outubro a xuño, en horario de tarde, cunha duración de 70 horas e para un máximo de 25 persoas polo que se atenderá á orde de inscrición na selección do alumnado. Ao finalizar entregarase un diploma acreditativo.  

 A finalidade do curso é achegar habilidades comunicativas no idioma galego, tanto na expresión e comprensión oral como escrita, cun nivel de competencia que permita satisfacer as necesidades de comunicación máis elementais. Os obxectivos e as unidades didácticas da programación para este nivel (A2) seguen as directrices do “Marco común europeo de referencia para as linguas”.  

 O curso será posible grazas ao acordo de colaboración asinado entre a Consellería de Cultura e Turismo (Secretaría Xeral de Política Lingüística) e a Secretaría Xeral da Presidencia para “a realización de actividades de formación en lingua galega na Casa de Galicia en Madrid”.  

 “É unha oportunidade de vivir Galicia e coñecer a súa lingua, os seus costumes, a súa cultura e todo o seu patrimonio material e inmaterial, mediante aulas principalmente interactivas e dinámicas”, adianta a docente do curso. “Non te preocupes polo que sabes e da igual ´de quen vés sendo´ pois a porta galega do coñecemento está aberta para todo o mundo”, engade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario