5 de set. de 2019

A GUARDA

José Miguel Fernández Lomba substituirá a Xan Lois Lomba Alonso no grupo municipal do BNG da Guarda  

Xan Lois Lomba, histórico concelleiro do BNG, deixa o seu cargo por motivos persoais e profesionais

Comezando pola esquerda: Xan Lois Lomba Alonso, Anxo Lois Baz Vicente e José Miguel Fernández Lomba


Infogauda / A Guarda

 Confirmando a nova que onte publicamos neste xornal dixital transfronteirizo, o Bloque Nacionalista Galego anunciou no día de hoxe 5 de setembro de 2019, a renuncia de Xan Lois Lomba Alonso, concelleiro do BNG na Guarda desde o ano 2003. 

 “Motivos persoais e profesionais impídenme adicarlle ao Concello o tempo necesario que require, polo que decidín poñerme a un lado e deixar paso a Miguel Fernández. Axudei a pór en marcha a parte do goberno municipal do BNG até onde o tempo me permitiu facelo. Miguel Fernández é unha persoa con moita capacidade e con ideas claras. Deixo un grupo de amigos/as , pero, sobre todo deixo a un grupo de persoas conscientes da responsabilidade que teñen e coa ilusión intacta para cambiar o noso pobo. Grazas a todos/as pola paciencia e pola comprensión durante estes anos”, dixo Xan Lois Lomba, concelleiro do BNG. 

 “Non teño máis que agradecementos para Xan, un compañeiro e un amigo que sempre vai estar aí. No BNG somos conscientes da importancia que tivo Xan nos últimos anos; agora toca mirar para adiante, temos un proxecto que poñer en marcha e levar adiante, un proxecto encamiñado a cambiar á Guarda, devolvela ás persoas, con iniciativas políticas que van dende unha mellora da xestión dos servizos públicos até o cambio de modelo de vila. En definitiva, como sempre expuxemos, unha Guarda para as persoas”, afirmou Anxo Lois Baz Vicente, 1º tenente alcalde do Concello de A Guarda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario