17 de set. de 2019

A GUARDA

LUNS, DÍA 23 DE SETEMBRO

FESTIVIDADE DE SANTA TREGA, AVOGADA DAS DOENZAS DA CABEZA E DO CORAZON

Ao longo da solemne procesión, a imaxe de Santa Trega foi portada por mulleres devotas da mártir de Iconio
Fotos: Infogauda


 Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda   

 A cidadanía da Guarda e súa contorna prepárase para a celebración da festividade de Santa Trega, que terá lugar o vindeiro luns día 23 de setembro - festivo local no termo municipal de A Guarda -, no incomparable cume do monte sacro que leva o nome desta santa natural de Iconio, avogada das doenzas da cabeza e do corazón, e ao mesmo tempo, patroa dos informáticos.   

 Seguindo a convocatoria da multisecular Irmandade do Clamor, os devotos de Santa Trega, comenzarán a subida cara á súa ermida ao alborear o día, para reza-lo Santo Rosario, efectuar ofrendas de flores nas estacións dos Vía Crucis e posteriormente asistir ás misas que se oficiarán ás 8:00, 9:00 e 10:00 h., respectivamente.   

 A eucaristía solemne, que estará presidida polo Prior da Irmandade do Clamor, e contará coa asistencia de diferentes autoridades do Rosal e da Guarda, dará comezo ás 11:00 horas.    

 Ao termo da celebración eucarística, terá lugar a procesión, na que participarán numerosas persoas de toda a comarca do Baixo Miño, algunhas delas portando diversas ofrendas en especie que tras devolver a imaxe de Santa Trega o seu sitial no interior da ermida - cuxa existencia está documentada dende o século XII, ainda que o presbiterio, probablemente sexa máis antigo - adicada a súa advocación, serán poxadas no púlpito ao aire libre, próximo ao Piñeiral da Santa.  

A "poxa dos froitos" congrega a centos de persoas na chaira do púlpito ao aire libre

  Peixe de coiro, viños e licores de produción artesanal, mariscos, froitas, hortalizas - coa acostumada presenza de ristras de cebolas da Cruzada -, espigas "raíñas", tapetes, maquetas de gamelas, sobremesas caseiras,..., previamente ofrecidos á santa, seguindo a antiquísima tradición diezmal, serán pública e rápidamente poxados, na "poxa dos froitos". Un evento que adoita congregar a centos de persoas, moitas das cales ségueno ata seu remate.    

 Ao termo da poxa tamén será sorteada a "Regueifa", ou Tarta de Santa Trega, que adoita levar un grato agasallo sorpresa para a persoa afortunada. Toque ou non toque ese agasallo, achégase o momento no que algunhas familias adoitan comezar o xantar ó aire libre.   

 A hora de comer coa familia, amigos ou veciños, sería toda unha mostra de civismo, que ninguén se situase no interior do poboado castrexo, para evitar, no posible, os danos que en ocasións se producen no xacemento arqueolóxico, especialmente nas estructuras descubertas. 

 "Dende o Concello de A Guarda recórdase á poboación o deber de respectar o noso patrimonio, sinal de identidade do noso pobo, evitando maltratar ou acceder a zonas patrimoniais coma a Citania do Monte Santa Trega. Unha ocupación da zona delimitada pode provocar agresións que resulten en danos nas estruturas deste espazo protexido, un dos lugares máis visitados de Galicia e cun valor patrimonial e arqueolóxico único.  

 A maioría da poboación é consciente de que o xacemento castrexo do Monte Santa Trega é un tesouro para A Guarda e para Galicia, e de que debemos dar unha imaxe acorde coa súa importancia e valor. Por parte do Concello e do Padroado Municipal Monte Santa Trega seguiremos traballando para concienciar a poboación no respecto polo patrimonio, lembrando que é tarefa de todos mantelo en boas condicións".

 Se como se prevé e é de desexar, a climatoloxía é favorable, os romeiros tras pasar a maior parte do día no cume do Monte Santa Trega, irán baixando a media tarde para tomar posicións no Parque do Cancelón (O Montiño), onde terá lugar a merenda-cea e probablemente, un animado baile popular, amenizado por algún grupo de gaitas da Guarda, que espontáneamente porá no ar súas notas musicais, convidando a todos a gozar dos seus compases.

Ningún comentario:

Publicar un comentario