2 de set. de 2019

A GÁNDARA (SALCIDOS) A GUARDA

Helen & Shanna pecharán na Guarda a edición 2019 de «Música nas  Prazas»

O venres 13 de setembro ás 22:00h na Praza dos Seixiños


Infogauda / A Gándara

 Tralos concertos de Caramelo Krew, o 14 de xuño na Praza de San Queitano e de Blues do País o día 16 de agosto na Praza de Avelino Vicente González, Música nas Prazas 2019 chegará o vindeiro venres día 13 de setembro ao seu fin.  

 Desta volta, o venres 13 de setembro ás 22:00 horas, na Praza dos Seixiños (A Gándara) será a quenda de Helen & Shanna, un grupo guardés nado no ano 2013 e que xa ten ofertado numerosos concertos en salas e pequenos festivais en toda Galicia. Cunha forte influencia folk, Helen & Shanna recolle aspectos doutras culturas, con instrumentos tan variados coma o sitar, a trompeta, o violín ou o ukelele.  

 Este é o cuarto ano desta actividade promovida dende a concellería de Cultura do Concello de A Guarda e que este ano conta cun total de 3 concertos nas Prazas de San Queitano, Avelino Vicente e Os Seixiños.  

 Desde o Concello de A Guarda relembran que "a programación de Música nas Prazas acadou na súa edición 2018 un notable éxito de afluencia de público, fomentando a música en diferentes espazos públicos do municipio, tentando dar visibilidade e dinamismo a todos eles por igual, levando a cultura musical a todas as parroquias da vila". 

 Ao longo dos tres anos de Música nas Prazas foron moitas as formacións musicais do panorama local e galego que teñen pasado polas prazas da vila guardesa, entre elas, De Vacas, Sonus de Gaya, Indomables, Argonat Band, Mbolo Mooye Doolé, Carmen Johns, entre outros. 

 O Música nas Prazas 2019 conta co apoio de Pontegal da Deputación de Pontevedra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario