Os galegos dispoñen ata o 30 de agosto para solicitar axudas á eficiencia enerxética, seguridade e accesibilidade de vivendas
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda dispón dun orzamento de máis de 17 millóns de euros para financiar actuacións ao abeiro destas dúas liñas de axudas, incluídas no Plan Estatal de Vivenda 2018-2021
Poderanse subvencionar actuacións de conservación da cimentación, da estrutura, das cubertas e das fachadas, así como a instalación de ascensores, salva escaleiras ou ramplas
Tamén se disporán subvencións de ata 12.000 euros para actuacións de redución ou eliminación do gas radon nos inmobles
A través do IGVS tamén puxo a disposición dos galegos unha Guía de recomendacións de mitigación en vivendas existentes, con solucións eficaces para impedir a entrada do gas radon nas vivendas ou eliminalo
Infogauda / Galicia
As persoas interesadas en levar a cabo actuacións que promovan a eficiencia enerxética, a seguridade e a accesibilidade das súas vivendas dispoñen de 15 días (ata o vindeiro 30 de agosto) para presentar unha solicitude e beneficiarse dos máis de 17 millóns que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda dispón para estas dúas liñas de actuación. Trátase dos programas de fomento de mellora da eficacia enerxética e sustentabilidade en vivendas e de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade incluídos no Plan Estatal de Vivenda 2018-2021, cuxas axudas foron convocadas a través do Diario Oficial de Galicia a finais do mes de xullo.
O Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) convoca dúas liñas de axudas diferenciadas: a Liña A, dirixida a subvencionar obras que incidan na eficiencia enerxética e na sustentación en vivendas, con especial atención á envolvente dos edificios; e a Liña B, para o fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade de vivendas. A primeira destas liñas está dotada con 8.121.000 euros para as anualidades que van de 2019 a 2021, mentres que a segunda conta cunha partida de 8.983.300 euros para o mesmo período.
Concretamente, entre as actuacións subvencionables figuran a mellora da envolvente térmica da vivenda ou do edificio; a instalación de sistemas de calefacción, refrixeración, produción de auga quente sanitaria e ventilación para o acondicionamento térmico ou o incremento da eficiencia enerxética dos xa existentes; a instalación de equipos de xeración ou que permitan a utilización de enerxías renovables e as actuacións que melloren o cumprimento da normativa técnica en cuestións como o illamento sonoro.
Dentro da Liña A inclúense tamén aquelas obras que afecten a elementos cuxo tratamento permita reducir de forma efectiva no interior da edificación a media anual de concentración de radón a niveis inferiores a 300 Bq/m3 ou nas que, sen alcanzar o devandito nivel, se reduza a concentración inicial en, polo menos, un 50 por cento.
Ademais, en edificios de topoloxía residencial colectiva subvencionarase a mellora da eficiencia enerxética das instalacións comúns como ascensores e iluminación; a optimización do subministro de auga e o aforro da mesma; a mellora do saneamento separativo e outras intervencións que afectan a factores como a redución do consumo de auga en zonas comúns ou o fomento da mobilidade sustentable.
Por outra banda, na liña B considéranse actuacións sustentables as relativas á conservación da cimentación, da estrutura, das instalacións, de cubertas e fachadas, a adecuación interior da vivenda unifamiliar, instalación de ascensores, salva escaleiras, ramplas ou outros dispositivos de accesibilidade e outros como a instalacións de sinalización, elementos electrónicos de comunicación, domótica e calquera elemento que facilite a accesibilidade.
Poderán beneficiarse destas axudas os propietarios das vivendas a rehabilitar, as comunidades e agrupacións de propietarios, cooperativas de vivendas, empresas construtoras, arrendatarias ou concesionarias de edificios. Tamén poderán optar a estes programas arrendatarios da vivenda que realicen a rehabilitación de acordo co propietario.
Requisitos e contía das subvencións
As vivendas e edificios a rehabilitar deberán estar finalizadas antes do 1 de xaneiro de 1996. As vivendas deberán constituír a residencia habitual e permanente dos propietarios, arrendatarios ou moradores no momento de solicitar a axuda.
No caso de actuacións en edificios de vivendas de tipoloxía residencial colectiva polo menos o 70 por cento da superficie construída sobre rasante terá uso residencial de vivenda, excluída a planta baixa e/ou plantas inferiores. Ademais polo menos o 50 por cento das vivendas deberán constituír o domicilio habitual das persoas propietarias, arrendatarias ou moradoras no momento de solicitar as axudas.
A contía das axudas será, con carácter xeral, do 40 por cento do custe subvencionable da actuación sempre dentro dos límites que se indican nos cadros seguintes. No caso de que os ingresos sexan inferiores a tres veces o Iprem a porcentaxe poderá chegar ao 75 por cento. A porcentaxe tamén poderá chegar ao 75 por cento no caso de actuacións de accesibilidade se na unidade da convivencia residente na vivenda hai unha persoa con discapacidade ou maior de 65 anos.
O importe máximo das axudas será o seguinte:
Vivenda unifamiliar | Vivenda colectiva | |
Básica
|
12.000 €
|
8.000 €
|
Familia con persoa con discapacidade (depende do tipo de discapacidade)
|
18.000 €
|
12.000 €
|
24.000 €
|
16.000 €
|
Liña B
Actuacións de conservación | Actuacións de seguridade e accesibilidade | |
Básica
|
3.000 €
|
8.000 €
|
Familia con persoa con discapacidade (depende do tipo de discapacidade)
|
-
|
14.000 €
|
-
|
17.000 €
|
Ademais, as axudas básicas poderán incrementarse en 1.000 euros cando se trate de inmobles declarados Ben de Interese Cultural (BIC), estean catalogados ou conten con protección integral no instrumento de ordenación urbanística correspondente.
Por último, a contía tamén se incrementará nun 25 por cento cando as persoas beneficiarias sexan menores de 35 anos e as actuacións se realicen en concellos de menos de 5.000 habitantes.
Solucións contra o radon
A Xunta de Galicia publicou unha Guía de recomendacións de mitigación en vivendas existentes, elaborada polo Instituto Galego da Vivenda e Solo e accesible a través da súa páxina web, con solucións para impedir a entrada do gas radon nas vivendas ou eliminalo.
Esta guía, a primeira que se publica en España, ofrece unha detallada información sobre o gas, a súa presenza nas vivendas, métodos de medición e formas de reducir ou evitar a súa entrada nas vivendas, todo elo de forma sinxela e accesible tanto para os propios usuarios da vivenda como para técnicos do sector da construción e a rehabilitación.
O anexo técnico que acompaña á guía explica, de forma moi sinxela e acompañada de gráficos, os diferentes métodos que se poden empregar para evitar ou mitigar o radon nas vivendas, incluíndo indicacións para a execución, información sobre as vantaxes e inconvenientes de cada método e o seu custe aproximado.
A guía ofrece información sobre medidas de ventilación natural ou forzada no interior das vivendas, ventilación da cámara de ar sanitaria, selado de gretas e fisuras, instalación de barreiras de protección antirradon, despresurización natural ou forzada do terreo, presurización positiva do interior da vivenda e presurización positiva do terreo.
Os custes estimados das actuacións incluídas van dende pouco máis de 200 euros, dependendo da importancia das actuacións a realizar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario