16 de ago. de 2019

PONTEVEDRA

Areeiro destaca que en todas as comarcas os acios de uva albariña xa están co pintado e abrandando  

A previsión do inicio da vendima mantense para a primeira semana de setembro


 Sintomas de couza no interior do acio
Foto: EFA
 
Infogauda / Pontevedra

 A Estación Fitopatolóxica Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, acaba de publicar un novo aviso fitosanitario no que informa de que as choivas que tiveron lugar a semana pasada, unidas a unhas temperaturas altas, foron favorables ao avance na fenoloxía das uvas, de xeito que xa en todas as comarcas os acios están co pintado e abrandando. Este avance da fenoloxía e as condicións climáticas reinantes apuntan a un adianto na data prevista de inicio da vendima, que se vai aproximar máis á primeira semana de setembro. Deste xeito, nas mostras de uva albariña que tomou a EFA nalgunhas parcelas, o grao alcohólico tivo un aumento medio de dous graos con relación a semana anterior.  

 En canto ás principais enfermidades da viña, hai que lembrar que no caso do mildio, as temperaturas nocturnas de primeiros de semana foron máis elevadas (en torno a valores de 16-17 graos) e estas condicións, unidas a choivas lixeiras nalgunhas zonas na fin de semana, e a orballos practicamente todas as noites, seguen a provocar a aparición de síntomas nas follas. Estes se manifestan como manchas de aceite esporuladas ou como mildio en mosaico, e provocan defoliación. A nivel dos acios, Areeiro atopou síntomas xa nos rebuscos, en forma de mildio larvado nos máis adiantados e como mildio esporulado nos menos.  O persoal da estación subliña que de cumprirse as previsións de choivas no fin de semana e unha nova estabilización da climatoloxía desde entón, darán lugar á aparición de novas manchas, pero non se espera xa que teñan unha incidencia destacable na boa maduración da uva, sobre todo tendo en conta que este ano o desenvolvemento da vexetación é suficientemente elevado como para garantila.  

 Fronte ao caso do mildio, no que se refire ao oídio a situación observada polo persoal da EFA nas parcelas visitadas apenas se modificou desde a revisión anterior. Atopouse algún síntoma illado en folla e tamén rebuscos nalgúns acios, polo que xa non se recomendan actuacións diferentes das que favorezan a ventilación. Precisamente, a escaseza de aireación e iluminación nunha viña mal xestionada canto a esta enfermidade por unha frondosidade esaxerada foi a responsable de que ao retirar esa vexetación se revelara abundancia de acios rachados, pero debidos a un ataque anterior, o que denota a importancia das prácticas culturais no manexo das viñas.  

 Por outra banda, Areeiro destacou que o botrite foi a enfermidade máis destacada na visita desta semana ás viñas, como era previsible polas condicións meteorolóxicas e polo momento da campaña. Apareceron síntomas a partir dalgún dano de eiruga da couza, de rachos pola choiva ou fisiolóxicos, ou de feridas e lesións diferentes, tanto en acios de variedades brancas coma de tintas. En xeral, os síntomas non eran moi intensos (apenas un 5-10% da superficie do acio), nin afectaban a moitos acios, pero nalgunha finca si eran preocupantes nalgunha variedade. Como aínda queda tempo para a vendima e se prevén precipitacións, desde a estación suxiren aos viticultores que se non teñen limitado o momento do último tratamento polas súas adegas, produtos con efecto preventivo e algo curativo, que posúen prazos de seguridade de 14 días (fenhexamida 50%, fenpirazamina 50% ou fluopyram 50%) e tamén de 3 días (eugenol 3,3% + geraniol 6,6% + timol 6,6%). Persoal do Areeiro engade que se non teñen a posibilidade de efectuar o tratamento, e tamén aínda téndoa, convén eliminar os acios afectados e facilitar a aireación na viña. Recorda que a presencia de botrite na uva prexudica a calidade do viño, xa que produce unha degradación dos azucres, altera os compostos fenólicos e tamén o perfil aromático, polo que hai que manter a vixilancia para seguir actuando ata o momento da vendima.  

 No que se corresponde co black rot non se observou evolución, mentres que no que se refire ás couzas do acio as capturas acadadas esta semana nas trampas foron moi reducidas ou simplemente inexistentes. Tampouco se observou un número significativo de perforacións, pero desde Areeiro sinalan que aínda poden producirse porque as condicións climáticas que se están a dar periodicamente, con temperaturas suaves e humidade alta, favorecen a esta praga. No caso de que se supere o limiar de tratamento (3% de acios afectados nas variedades sensibles á podre, e 5-8% no resto de casos) hai produtos no "Registro de Productos Fitosanitarios" do Ministerio que aínda poderían empregarse por ter prazos de seguridade de 7 días ou por carecer del ao ser substancias naturais, aínda que deben ser aplicados ao inicio da eclosión dos ovos.  

 No que ten que ver co mosquito verde e outros cicadélidos, esta semana non se observaron incrementos das capturas nas trampas instaladas, e o número de ninfas nos recontos foi moi baixo. Tampouco se recolleron adultos de Scaphoideus titanus, e non se atoparon ninfas nas follas. E no caso dos ácaros, esta semana non se atoparon síntomas de acariose, e os niveis de erinose se mantiveron en xeral como nas últimas semanas.  

 Por outra banda, Areeiro advertiu tamén dos golpes de sol en viñas demasiado esfoliadas e a presencia de plantas mortas, xa desde hai semanas, por enfermidades da madeira, que convén eliminar das fincas canto antes. Igualmente, constatou que empezan a ser notorios nalgunhas parcelas os danos por paxaros ou avespas nalgúns acios.    

 No que se refire ás maceiras, o aviso fitosanitario refírese a aparición de síntomas de moteado nas follas dalgunhas plantas sensibles, aínda que de xeito bastante esporádico. No caso da couza da mazá, non houbo capturas de adultos, pero o voo e a actividade destes insectos son continuos ata a fin de campaña, polo que se debe comprobar a situación de cada parcela.  

 No caso do buxo, se atoparon algunhas eirugas de Cydalina Perspectalis (en estados intermedios e finais) pero en número bastante reducido e mesmo nas sebes que están sen tratar ou nas abandonadas apenas hai síntomas, polo que o persoal da estación recomenda manter a vixilancia.  

 O aviso fitosanitario da EFA tamén advirte da presenza de oidio nos exemplares de plátano de sombra de moitos parques e paseos da provincia, con abundantes síntomas sobre todo nas follas terminais. E, por último, fai mención ao tigre do plátano (Corythuca ciliata), ao sinalar que cada vez son máis evidentes os síntomas debidos ao ataque deste insecto. Engade que para o seu control, o "Registro de Productos Fitosanitarios" do Ministerio recomenda alfa cipermetrin 10%, deltametrin 2,5% e deltametrin 10%. Nos ataques máis intensos, esta praga produce unha defoliación prematura que leva a que se perda o valor protector do sol desta árbore.

Ningún comentario:

Publicar un comentario