16 de ago. de 2019

TURISMO

Orpagu e Terras  Gauda unen o mar e o viño nunha iniciativa turística pioneira   

"Del Mar a la Viña", que terá lugar os dous últimos venres de agosto e o primeiro de setembro no Baixo Miño,  aúna a experiencia  enoturística coa historia da localidade e as conservas artesanais dos palangreiros guardeses.  


Mar Bermúdez / A Guarda

 Da alianza da Organización de Palangreiros Guardeses (Orpagu) e Adegas Terras Gauda naceu unha iniciativa turística pioneira no Baixo Miño: "Del Mar a la Viña". O evento, que se celebrará os venres 23 e 30 de agosto e 6 de setembro, conxuga a experiencia enoturística cunha travesía marítima fluvial, na que os participantes non só gozarán da beleza das paisaxes senón que aprenderán algo máis sobre a historia desta zona fronteiriza e das súas xentes, tan vinculadas ao mundo do mar. 

 O auxe do turismo enolóxico, a beleza da contorna e a importancia de dar a coñecer a historia da zona impulsaron a  Orpagu e Adegas Terras Gauda a poñer en marcha esta iniciativa. "Del Mar a la Viña" consiste nun percorrido por mar, río e viñedos que permitirá aos visitantes impregnarse da cultura desta zona, á que define a súa proximidade con Portugal, a espectacularidade do Monte Santa Tegra e os vestixios dos poboados celtas, entre outros moitos atractivos. O paseo entre viñedos e a travesía en barco culminarán cunha degustación de viños e conservas gourmet de peixe espada e atún, elaboradas de forma artesanal cos produtos obtidos polos pescadores de Orpagu. 

 O punto de partida de "Del Mar a la Viña" en cada un dos tres días da súa celebración será a Enotenda de Adegas Terras Gauda, desde onde os participantes sairán cara ao porto da Guarda. Alí esperan dúas embarcacións para iniciar o percorrido por mar. Do Atlántico ao Miño, río arriba ata Goián. E desde aí, tras a experiencia visual, retorno á adega para satisfacer o olfacto e o padal.  

 En Terras  Gauda procederase a unha cata con tres viños da adega -Abadía de San Campio, Terras  Gauda e La Mar- e a un delicioso aperitivo que protagonizarán as Conservas Gourmet de Orpagu. 

 Para obter máis información e inscribirse no evento, xa que o aforo é limitado, pódeno facer desde a páxina web de Terras  Gauda, na seguinte dirección  https:// terrasgauda. com/enoturismo/experiencias/do-mar-a-a- vina/

Ningún comentario:

Publicar un comentario