Xeiras de verán IEM 2019
A VILA DO SÉCULO XIX
Martes 20 de agosto ás 18:30h.
Guía: ANTONIO SOLIÑO TRONCOSO
IEM / Gondomar
O martes 20 de agosto terá lugar unha nova xeira dentro do programa das Xeiras de verán 2019 coa colaboración do concello de Gondomar titulada A vila do século XIX.
Será guiada por Antonio Soliño Troncoso.
O percorrido estará acompañado de dúas intérpretes en lingua de signos.
DATA: Martes 20 de agosto.
LUGA: Gondomar.
HORA: 18:30h
DURACIÓN: 3h 15 min.
PUNTO DE ENCONTRO E REMATE: A Praza da Paradela
https://drive.google.com/open?id=1RAramV7Gpz6Uzo5QFDhUOhYGll-cJKec&usp=sharing
AS XEIRAS DO IEM. VERÁN 2019
GONDOMAR. A VILA DO SÉCULO XIX
Guía: ANTONIO SOLIÑO TRONCOSO
Non é doado comprender como a falta de mantemento e un inculto modismo referido ao granito espido está arruinando a imaxe de conxunto da vila debedora do XIX, aquela que, ao pé da mina aurífera de época romana do Picoto, seguiu transformándose ao longo das décadas iniciais do XX ao compás do Plan de Ensanche que para ela traza o enxeñeiro Ramiro Pascual en 1900. A Revolución Industrial inglesa, movemento que marca unhas novas pautas económico-sociais con repercusión forte nos materiais e formas de produción, enténdese como rematada sobre 1840. A pequena vila asentada na Paradela de Gondomar vaise ver sometida no período atrás referido a transformacións procedentes dese movemento introducidas en varios casos polos indianos. Estes mudan a estética edificatoria, o cromatismo das casas, os materiais empregados e a vexetación dos xardíns. Todas estas peculiaridades da personalidade de Gondomar hai décadas que deixaron de ser atendidas. Xa antes nunca foran ben entendidas. Aspiramos a que alguén semente sentido común.
Nesta xeira, intentando contextualizarnos no tempo, trataremos de mostrar a rede viaria anterior ao XIX, comentar as distintas solucións arquitectónicas das que se valeu para entrar nunha barriada, A Paradela, cercada polo Miñor e o seu máis importante afluente, e comparala coas infraestruturas que chegaron na segunda metade do citado século. Tamén nos ocuparemos dalgúns aspectos históricos do lugar, do aproveitamento dos importantes recursos hídricos, do precoz trazado urbanístico “a cordel” da vila e das arquitecturas levantadas nese espazo urbano, con énfase e particular atención en diversas pezas do XIX e primeiros anos do XX. Todo nun percorrido urbano circular de moi baixa dificultade e 2.500 m. de lonxitude. A duración aproximada da xeira é de 3 horas e 15 minutos. Toda a xeira estará asistida de intérpretes de LINGUA DE SIGNOS.
Ningún comentario:
Publicar un comentario