23 de ago. de 2019

PEDORNES (OIA)

O Concello de Oia reúnese coas traídas veciñais para explicar o Plan de apoio 2020-2023 


A alcaldesa de Oia, Cristina Correa Pombal co técnico Adolfo Azcárate, na reunión cos membros das directivas das traídas veciñais do municipio



Infogauda / Pedornes (Oia)

 O Concello de Oia convocou aos membros das directivas das traídas veciñais do municipio a unha reunión o pasado mércores 21 de agosto, no Centro Cultural de Pedornes, para pedir a súa colaboración e recoller as opinións e información necesaria para concretar as axudas do Plan de apoio as traídas veciñais de Oia 2020-2023.  

 A reunión asistiu o técnico, Adolfo Azcárate, con máis de 20 anos de experiencia en legalización de aproveitamento de augas e constitución de comunidades de usuarios e regantes, quen explicou aos asistentes:o control sanitario das augas por parte dos xestores de abastecementos; a diferencia entre os distintos tipos de abastecemento; as obrigas dos xestores; o control mediante analíticas; os sistemas de potabilización; o estado e limpeza das instalacións; a elaboración do plan de autocontrol e xestión do abastecemento; etc.  

 A alcaldesa destacou a importancia das traídas veciñais nas zonas rurais e dispersas, da gran labor desinteresada que fan os veciños para asegurar un servizo básico para a poboación, e que é preciso que conten co apoio das administracións para levar a cabo ese cometido con tódalas garantías.  

 Asemade, atendendo á importancia dunha formación adecuada dos membros das directivas para o control sanitario dos abastecementos, o Concello vai continuar cos cursos de manipulador de auga de consumo humano, atendendo ao interese amosado polos asistentes á reunión. Así, para o mes de outubro se organizará un curso para dar cobertura a esta demanda. 

 Por outra banda, o Concello ten solicitada unha subvención á Xunta de Galicia para elaborar un Plan de Emerxencia ante a seca, que permitirá realizar unha primeira auditoría sobre o estado das redes de abastecemento para identificar posibles debilidades en todo o termo municipal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario