O Plan Revitaliza fai protagonista á compostaxe nas Xornadas Etnográficas do Morrazo
Bueu acollerá este domingo 18 un punto informativo e o vindeiro venres 23 haberá unha charla das mestras composteiras da Deputación en Cangas
Composteiros individuais
Foto: D. PO.
Infogauda / O Morrazo
O Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra fará que a compostaxe sexa unha das protagonistas nas Xornadas Etnográficas do Morrazo. Este domingo día 18 persoal técnico da institución provincial instalará un punto informativo en Bueu e o venres 23 tamén haberá unha charla en Cangas onde se poderá coñecer como compostar o lixo orgánico e colaborar co medio ambiente.
A primeira cita será este domingo dende as 19.30 horas en A Estacada (Bueu), na carpa onde se realizará o desfile de traxe tradicional galego da Asociación Sete Espadelas e as actuacións de Brincadeira, Trébede e O Fiadeiro. Alí as mestras e mestres composteiras da Deputación instalarán un punto informativo no que repartirán trípticos e resolverán calquera dúbida que a veciñanza teña tanto sobre a compostaxe individual como a comunitaria, ademais de enumerar as súas múltiples vantaxes tanto ambientais como económicas.
Xa o venres 23, ás 20.30 horas na antiga Cámara Agraria do Concello de Cangas, o persoal técnico falará especificamente sobre compostaxe comunitaria, amosando detalles de todo o proceso dende que se xera o residuo ata que finalmente se produce o compost. As mestras composteiras explicarán como se debe separar o lixo orgánico (restos de vexetais, peixe e carne) na casa, tanto de cociñados como sen cociñar, para despois botalo no composteiro e cubrilo con estruturante.
Un dos aspectos máis destacables da charla será a explicación do labor que fan as propias mestras composteiras, xa que son as encargadas de controlar que todo o proceso saia correctamente, vixiando a temperatura, a humidade e moitos outros parámetros do proceso, así como facendo trasfegas entre os módulos do composteiro para que o material madure correctamente. As mestras darán a coñecer tamén a nova e exclusiva aplicación móbil mediante a que de maneira telemática a Deputación centraliza os datos de todos os centros de compostaxe da provincia para seguir o seu funcionamento e garantir a trazabilidade e calidade dos lotes de compost producidos.
Estas actividades de información sobre o Plan Revitaliza pretenden xerar unha dinámica de dinamización e impulso da compostaxe como un modelo de xestión do lixo ambientalmente sustentable, achegando de maneira lúdica e sinxela á veciñanza que é compostar: dar unha nova vida aos residuos orgánicos para que volvan de novo á terra como fertilizante natural –compost- e xeren novos produtos, fomentando así a economía circular.
Un dos organizadores das Xornadas Etnográficas do Morrazo, Miguel Sotelo, destaca que a inclusión das charlas sobre compostaxe dentro do conxunto de actividades (música, baile e traxe galego) é unha maneira de aumentar a conciencia ambiental da veciñanza da comarca. "Estamos a facer o que está na nosa man para unha maior concienciación ambiental. Estamos intentando reducir o uso de plásticos no evento e consideramos que a compostaxe é un chanzo máis", subliña.
Ningún comentario:
Publicar un comentario