14 de ago. de 2019

O BAIXO MIÑO

A Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño presentará unha alegación conxunta ao proxecto de explotación de servizos públicos de transporte regular de viaxeiros

Os concellos da comarca mostran o seu malestar ante un proxecto que supón unha perda de oportunidade para modernizar e facer do transporte público unha solución de mobilidade para a comarca

Ánxela Fernández Callís - 2ª pola esq. -, alcaldesa do Concello do Rosal, presidiu a xuntanza da Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño
Foto: C.T.

Infogauda / O Baixo Miño

 Os concellos da Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño (Tomiño, Tui, O Rosal e A Guarda) acordaron presentar unha alegación conxunta ao proxecto de explotación de servizos públicos de transporte regular de viaxeiros de uso xeral por estrada que neste momentos atópase en trámite de audiencia.  

 A alegación da Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño presidida por Ánxela Fernández Callís, recolle varios puntos que afectan ao servizo público de transporte e que podería supor un deteriodo na calidade  do mesmo. 

O PROXECTO AUTONÓMICO PRETENDE REDUCIR A FRECUENCIA HORARIA DO SERVIZO DE TRANSPORTE DE VIAXEIROS

 Por exemplo, o proxecto autonómico pretende reducir a frecuencia horaria dos autobuses que circulan de mañá desaparecendo o servizo no horario de 09h30 á 12h00 co cal a comarca queda sen transporte público nesa franxa da mañá.  

 No que se refire aos prezos, o feito de non estar na Área Metropolitana de Vigo implica unha situación de desigualdade cos veciños doutras comarcas como Val Miñor, O Morrazo ou O Condado, que pagan a metade polo seu billete.  

 Por outra parte, non se resolve axeitadamente a problemática existente na conexión coa área sanitaria (Hospital Álvaro Cunqueiro e Meixoeiro) e coa Universidade de Vigo.  

 Tampouco, se ten en conta de cara ao futuro o desenvolvemento que está a experimentar a liña ferroviaria portuguesa, non prevendo ningunha conexión do transporte público galego con liña de tren de Portugal, que nos permitirán combinar estes dous servizos públicos.  

 Así mesmo o prego de condicións pode prexudicar ás pequenas empresas da comarca ao valorar que sexan necesarios autobuses de grandes dimensións, que neste momento non existen (autobuses de máis de 50 prazas) e que non parecen necesarios para a demanda da comarca, onde o transporte nunca vai ao límite da súa ocupación. 

 A Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño lamenta que non se aproveita esta oportunidade que apostar polo servizo público, xa que se se precariza, terá menos viaxeiros e resultará menos rentable, sendo un círculo vicioso que non favorece o transporte público, unha solución de mobilidade que Europa recomenda como menos contaminante, máis rendible e con futuro.  

 A Mancomunidade, ademáis de presentar a alegación conxunta, solicitará un encontro coa Dirección Xeral de Mobilidade co fin de trasladar de primeira man esta situación que supón un prexuízo dos veciños e veciñas da comarca.

Ningún comentario:

Publicar un comentario