30 de ago. de 2019

CULTURA

O ciclo de música 'Camiño de Cantares' arranca o vindeiro domingo no Mosteiro de Oia 

Está incluído en ‘O teu Xacobeo’, o programa da Xunta para promover actividades de dinamización de cara a celebración do vindeiro Ano Santo

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, participou na presentación da programación impulsada pola Asociación Cultural Ciclo de Música Barcia de Mera  

O cartel inclúe oito concertos de música vogal dedicada ao Apóstolo que se celebrarán en diferentes localidades do Camiño de Santiago

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación de Camiño de Cantares nun acto que se levou a cabo na Cidade da Cultura e no que tamén estivo presente a directora de comunicación deste ciclo, Nieves García Soto, e o director xeral de CLUN, Rafael Prieto. 
Foto: X.G.

Infogauda  / Santiago de Compostela

 O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación de Camiño de Cantares nun acto que se levou a cabo na Cidade da Cultura e no que tamén estivo presente a directora de comunicación deste ciclo, Nieves García Soto, e o director xeral de CLUN, Rafael Prieto.  

 Camiño de Cantares é unha iniciativa musical promovida pola Asociación Cultural Ciclo de Música Barcia de Mera composta por oito concertos e que conta co apoio da Xunta de Galicia a través do programa O teu Xacobeo, o programa posto en marcha polo Goberno autonómico para promover actividades de dinamización de cara a celebración do vindeiro Ano Santo.  

 A programación do ciclo arrancará este domingo no Mosteiro de Oia cun concerto a cargo de Vox Organallis, un coro masculino de música vogal, que interpretará composicións medievais nos que o Camiño de Santiago ou a figura do Apóstolo cobran especial protagonismo. 

  Esta iniciativa, tal e como precisou Anxo M. Lorenzo, forma parte dos máis de 350 proxectos de O teu Xacobeo impulsados pola Xunta para colaborar na difusión dos valores do Camiño de Santiago grazas a unha achega global de 4,7 millóns de euros. Así, grazas a esta colaboración, a Asociación Cultural Ciclo de Música Barcia de Mera levará a música relixiosa e paralitúrxica a diferentes localidades galegas que forman parte do Camiño como Oia, Allariz, Fisterra, Negreira, O Saviñao, Caldas de Reis, Oseira e Cea. Todos os concertos terán lugar en igrexas, mosteiros e capelas de gran beleza patrimonial.

Ningún comentario:

Publicar un comentario