25 de ago. de 2019

A GUARDA

XUBILEO PENITENCIAL DO VOTO A SANTA TREGA: UNHA TRADICIÓN GUARDESA CON 664 ANOS DE ANTIGÜIDADE     

Celébrase o último sábado de agosto, coa participación de homes das parroquias do Arciprestazgo da Guarda  


Imaxe da protomártir Santa Trega, que se venera na ermida do Monte Santa Trega
Fotos: Infogauda

Infogauda / A Guarda   

 A Irmandade do Clamor, cuxa existencia conta con 879 anos, xa que foi formalmente establecida no ano 1140; organiza cada ano, catro celebracións na ermida de Santa Trega: a do Luns de Pentecostés, adicada ao Espírito Santo e á Virxe do Mar; o Xubileo Penitencial do Voto a Santa Trega, que orixinariamente tiña lugar o luns infraoctavo da Asunción, e que desde fai moitos anos está sendo no último sábado de agosto; a festividade de Santa Trega, o 23 de setembro e a de San Esteban, o 26 de decembro.

 Polo seu carácter, destaca sobre todas elas, O Voto a Santa Trega, unha tradición que provén do ano 1355 - que segundo o Chronicon Conimbricense "este foi o anno mais seco que os homens viron" -, e ao que asisten únicamente homes.

 Segundo a tradición, o Xubileo Penitencial do Voto a Santa Trega ten relación directa cunha seca que se padeceu na comarca miñota durante sete anos. Iso trouxo aparellada diversas epidemias que produciron desolación e miseria. No libro de San Isidoro, de Caminha, documéntase que a auga foi racionada.

O ÚLTIMO SÁBADO DE AGOSTO CELEBRARASE O XUBILEO PENITENCIAL DO VOTO  A SANTA TREGA

 A aparición de Santa Trega e as posteriores rogativas e actos de penitencia, foron o inicio do Voto a Santa Trega. A tradición rememorarase un ano máis, o sábado día 31 de agosto, a partires das 20:30 h., en que os homes das sete parroquias do Arciprestazgo da Guarda (Santa María da Guarda, San Lourenzo de Salcidos, A Visitación de Camposancos, Santa Mariña do Rosal, San Miguel de Tabagón, San Xoán de Tabagón e San Bartolomeu das Eiras), precedidos por unha cruz procesional partirán con carácter penitencial desde O Cancelón (O Montiño), cara ao Pico de San Francisco, un dos cumes do Monte Santa Trega. Durante a ascensión ata o santuario da discípula de San Pablo e primeira mártir do Cristianismo, rezarase o Santo Rosario e o Vía Crucis. 

 A entrada no adro do santuario efectuarase portando a imaxe de Santa Trega e cantando as ladaíñas do Clamor. A continuación o actual prior da Irmandade do Clamor, presidirá a celebración eucarística. Rematada ésta, procederá - en latín - a abenzoar o pan.
 
 "(...) Aínda que inicialmente o Xubileo Penitencial do Voto a Santa Trega - dixo nunha edición precedente do Voto, o párroco de Camposancos e de San Xoán de Tabagón, Ángel Soliño Fernández -, duraba tres días e desde fai moitos anos, reduciuse a súa duración, dado que comeza á tardiña do último sábado de agosto e conclúen os actos antes de medianoite; sí se mantén a bendición do pan, como recordo do xexún que efectuaban os nosos devanceiros. Sei que algúns de vós pasaredes a noite soamente con pan e auga".

 Logo do canto do himno Veni Creator coa súa oración e a Ladaíña de Todos os Santos, que inclúe outros particulares - "(...) Santa Trega, rogai a Deus por nós, Deus ouvide a nós, Kyrieleyson, (...)" -, darase a coñecer o novo prior, que como dixo Soliño Fernández "(... ) mentres poidamos, un ano será D. Jesús [García Villadóniga] e outro ano serei eu (...)" - e o capelán da Misa do Alba.

 A continuación, o prior mostrará o relicario de Santa Trega, que será bicado polos devotos, á vez que se efectuará a repartición dos pans, dando así por rematados - ao redor das 23:00 h. - os actos do Xubileo Penitencial do Voto a Santa Trega, instituido pola Irmandade do Clamor, desde o século XIV.

SANTA TREGA: AVOGADA DA CABEZA E DO CORAZÓN

 A ermida de Santa Trega, na Guarda, dispón dunha reliquia do brazo da santa enviada a mediados do século pasado, polo Arcebispo de Tarragona. Ademais do relicario, que se dá a bicar aos fieis nas catro celebracións ás que antes nos referíamos, tamén existe un relicario do Lignum Crucis (fragmento da Cruz na que foi crucificado Xesucristo). 

 Ao longo de todo o ano, numerosos devotos procedentes de diversos países, acoden ao santuario do Monte Santa Trega, e depositan aos pés da imaxe da protomártir Santa Trega, centos de exvotos - maioritariamente fotografías tamaño carné, que se van incorporando a álbums -, así como esmolas en metálico, agradecendo ou pregando a intercesión da santa, que está considerada avogada das doenzas da cabeza e do corazón. 




Procesión de Santa Trega no día da súa festividade, 23 de setembro

Tripulantes da Lancha Poveira do Alto, que o día 23 de setembro de 2018 participaron nos actos conmemorativos da festividade de Santa Trega



 Ademáis dos guardeses e veciños da comarca do Baixo Miño, os pescadores de Póvoa de Varzim son moi devotos da promomártir Santa Trega, como quedou acreditado na antiga porta da ermida da santa, onde deixaron gravadas súas sigras, ademáis doutros lugares dos que temos constancia, como ainda pode comprobarse a día de hoxe. Aquela porta, infortunadamente perdeuse, máis hai documentos gráficos que acreditan á presenza das marcas poveiras na porta principal do santuario. En todo caso, A Guarda - que na cidade de Póvoa de Varzim conta cunha rúa que leva o topónimo do noso concello - erixiu unha lauda de pedra, situada fronte a un lateral da ermida do Trega, cunha praca conmemorativa que leva o seguinte texto:

MARCAS POVEIRAS
HOMENAXE A PÓVOA DE VARZIM
23-9-1991



 E do mesmo xeito que en 2018 unha delegación poveira arribou o porto de A Guarda, a bordo da Lancha Poveira do Alto - embarcación en boa hora recuperada polo Museu Municipal de Etnografía e Historia de Póvoa de Varzim -, ademáis das persoas que viñeron por estrada; neste 2019, se non hai motivo de forza maior que o impida, novamente teremos entre nós a unha delegación de veciños e pescadores de Póvoa de Varzim para participar na festividade de Santa Trega. Daquela, se cadra, voltaremos a escoitarlles cantar a seguinte copla:

Minha rica Santa Trega,
dainos ventinho de popa,
que queremos ir embora
e temos a vela rota. 


 A festividade de Santa Trega - Padroeira do Arciprestazgo da Guarda - celébrase cada 23 de setembro. Unha data na que logo de moitos anos en que as mulleres da Guarda - especialmente as da Marina -, foron quen souberon manter a devoción e a tradición; desde fai varias décadas, toda a poboación guardesa participa de forma activa nas celebracións eclesiásticas, na solemne procesión e na "poxa dos froitos", así como na romaría tradicional que afortunadamente - e que sexa por moitos anos -, aínda conserva a súa esencia tradicional.

Ningún comentario:

Publicar un comentario