15 de xul. de 2019

OIA

Nova sesión formativa dentro do proxecto “Rumbo ao Emprego”    

“Como afrontar a xestión do cambio na procura de emprego”

A actividade desenvolverase o próximo venres 19 no Centro Sociocultural de Pedornes en horario de 10:00 a 12:30h.   


Infogauda / Oia

 O proxecto “Rumbo ao Emprego” que están a desenvolver conxuntamente os concellos de Oia e O Rosal ofrece unha nova sesión aberta ao público xeral, neste caso centrada en como xestionar o cambios.  

 A píldora formativa desenvolverase o próximo venres 19 de xullo baixo o título “Como afrontar a xestión do cambio na procura de emprego”. A cita será no Centro Sociocultural de Pedornes de 10:00 a 12:30 horas e con entrada é libre, polo que non cómpre inscribirse.  

 A actividade correrá a cargo de Yolanda Fortes, consultora e docente de estratexia persoal e proxectos paralelos. Posúe ampla experiencia traballando aspectos como o talento, a marca persoal, a motivación e a comunicación.   

Xestión do cambio  

 Especialista en consultoría e coaching, Yolanda Fortes centra as súas intervencións en lograr que as persoas sexan o cambio que queren no seu negocio ou proxecto profesional. “Transformando ás persoas transformamos os negocios” é, de feito, o seu lema.   

 Na píldora formativa do próximo venres a relatora guiará ás persoas asistentes na difícil tarefa diaria de asumir os cambios: debullará os medos e inseguridades que asaltan ás persoas cando deciden saír da súa zona de confort e revelará o positivo que pode resultar “tirarse á piscina” nalgúns momentos da vida.    

“Rumbo ao Emprego”   

 “Rumbo ao Emprego” é un proxecto que os concellos do Rosal e Oia veñen desenvolvendo conxuntamente desde o mes de abril. Conta co financiamento da Deputación de Pontevedra dentro da liña 2 do Plan Concellos.  

 Esta iniciativa en materia de inserción laboral inclúe formación, prácticas en empresas, orientación e acompañamento individualizado para a procura de traballo. Entre as distintas accións programadas destacan as píldoras formativas, sesións abertas ao público xeral nas que  distintos especialistas abordan temas de interese como o autoemprego, as dinámicas de grupo nas entrevistas de traballo ou a xestión do cambio, entre outros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario