11 de xul. de 2019

O ROSAL

REUNIÓN COA U.D. RIBERA DENTRO DO PROGRAMA #AVECIÑANZACONTA
  

A alcaldesa do Concello do Rosal, Ánxela Fernández Callís, e membros do grupo municipal de goberno, con directivos da U.D. Ribera
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 A alcaldesa do Concello do Rosal, Ánxela Fernández Callís, e membros do grupo municipal de goberno que preside, mantiveron a primeira reunión coa U. D. Ribera dentro do programa #aveciñanzaconta, onde se falou de todas as actividades que se realizan e organizan, así como as necesidades do noso fútbol, e desta maneira colaborar e axudar de forma máis efectiva, planificar e realizar os orzamentos cara o vindeiro ano.  


 A Unión Deportiva Ribeira é a entidade futbolística do Rosal, situado na comarca do Baixo Miño, pertencente á provincia de Pontevedra. O club comezou a súa andaina antes da guerra civil con distintas denominacións pero non foi ata despois da mesma cando se inscribiu nas competicións federadas xa co nome de Unión Deportiva Ribeira que chegou ata os nosos días. Sempre militou nas categorías rexionais e autonómicas galegas alcanzando o seu máximo logro nos anos 80 do pasado século, cando ascendeu e mantívose durante varios anos na 1ª Categoría Rexional Galega. Na actualidade dispón dunha gran cantidade de equipos nas distintas categorías inferiores ademais do primeiro equipo e tamén conta coa súa escola de fútbol dependente da Deputación de Pontevedra para os mais pequenos, realizando un gran labor dentro do Fútbol Base da zona. Todos os equipos do club adestran e xogan os seus partidos no remodelado Estadio Municipal da Mata, situado na zona do mesmo nome e á beira do Colexio Público Manuel Suárez Marquier.

Ningún comentario:

Publicar un comentario