A CIG DA CONTA DA SITUACIÓN DOS BOMBEIROS/AS DE VIGO
No mes de maio a Unión Comarcal da CIG de Vigo presentou unha denuncia no Xulgado de Instrución número 7 contra un suboficial do Servizo de Prevención e Extinción de Incendios e Salvamento (SPEIS) pola comisión dos presuntos delitos de falsidade documental e sobre o patrimonio público, en relación coas horas extra realizadas por este mando, que no ano 2016 ascenderon a 1325 horas.
Admitida a denuncia, o suboficial atópase en este momento en calidade de investigado polo citado Xulgado.
Desgraciadamente este tipo de actuacións desvirtúan a función publica, polo que a CIG denunciará este tipo de accións co obxectivo de que bombeiros/as sexa un servizo público libre de calquera tipo de corruptelas.
En relación co conflito que o colectivo mantén co Concello dende hai meses por falta de diálogo é negociación, os servizos xurídicos da CIG están a estudar a presentación dunha denuncia no Xulgado por entender que a aplicación do decreto, imposto pola Concellaría, pode supoñer a comisión dun presunto delito contra a seguridade dos traballadores/as.
Este decreto supón de facto a militarización do servizo, obrigando ao persoal a facer xornadas superando os máximos que marcan calquera lexislación, podendo ser sancionados con até tres anos de suspensión de emprego e soldo en caso de non acudir a realizar as xornadas que vía decreto impón a Concellaría. Isto provocou que haxa algúns casos de bombeiros/as en prácticas que chegaron a facer 48 horas seguidas, o que nun servizo de natureza perigosa coma este supón poñer en risco tanto ao propio/a traballador/a e a toda a dotación como ás posíbeis vítimas a rescatar.
O máis grave de todo é que a día de hoxe as ofertas de prazas pendentes están se executar, polo que situación pode alargarse máis dun ano.
Entendemos que o Concello, na aplicación do decreto, está a incumprir a seguinte normativa:
· Un dereito fundamental como é o dereito a negociación colectiva, xa que foi un decreto imposto sen ningún tipo de negociación modificando unilateralmente as condicións de traballo. Sen acoutar o período de vixencia do decreto nin as medidas que tomarán para eliminalo.
· A directiva europea sobre tempos de descanso, xa que as xornadas de moitos/as traballadores/as superan con moito a media ponderada sobre tempo de referencia que fai mención a citada directiva.
· A mesma directiva sobre traballadores/as sometidos/as a riscos e tensión especiais, máis grave aínda.
· A lei de prevención de riscos laborais, xenérica e particularmente:
· xenericamente por que é responsabilidade do empresario/a garantir a seguridade do traballador/a en todos os aspectos relacionados co traballo, incuso coa organización do servizo. Non garantir os protocolos no referente aos binomios de intervención, poñendo en risco a seguridade dos traballadores/as, que neste caso desenvolven un traballo tóxico perigoso e insalubre, como así o recoñece a lei da seguridade social sobre a aplicación de coeficientes redutores para o acceso a xubilación en favor dos bombeiros/as.
· Particularmente diferentes artigos, entre eles o de non respectar o período mínimo de descanso entre quendas, chegando varias veces traballadores/as a dobrar quendas de 24 horas e facendo xornadas de 48 horas.
· A lei de conciliación da vida persoal e laboral. Moitos/as compañeiros/as con cargas familiares, con crianzas ou persoas maiores ao seu cargo, son chamados/as dun día para outro, véndose obrigados/as a contratar coidadores/as para poder saír do paso.
· A lei da seguridade social, xa que os informes preceptivos para a aplicación da xubilación anticipada a bombeiros/as establecen claramente: É a actividade de bombeiro/a a que provoca o deterioro da saúde, como non é posíbel cambiar as condicións de traballo o que procede é a redución do tempo de exposición, a través de coeficientes redutores. Polo que este incremento abusivo das xornadas, este exceso de exposición, aínda que puidera compensarse con tempo non sería posíbel aplicalo a xente que lle faltan dous ou tres anos para xubilarse.
Toda esta situación está provocando que o índice de baixas acade niveis alarmantes, a maioría delas provocadas por estrés laboral, fatiga e ansiedade. Non esquezamos que o noso traballo é eminentemente perigoso.
Por todo isto, estamos a valorar a posibilidade de presentar unha denuncia penal en base a un posíbel delito de risco contra a seguridade dos traballadores/as na modalidade de imprudente e dolosa e unha responsabilidade penal de falta por imprudencia.
A maiores esixir una responsabilidade civil por danos e prexuízos, tanto morais como físicos.
(R.)

Ningún comentario:
Publicar un comentario