O Sergas prestará asistencia sanitaria aos 330 nenos saharauís que pasarán o verán en Galicia co programa Vacacións en paz
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, entregou esta mañá os documentos acreditativos da cobertura asistencial dos rapaces aos responsables da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, fixolle entrega á presidenta da asociación, Maite Isla Avión, dos documentos acreditativos que garanten a asistencia sanitaria durante as vacacións dos 330 nenos saharauís que se desprazan a Galicia este verán
Foto: X.G.
Infogauda / Galicia
O Servizo Galego de Saúde dará cobertura asistencial, un verán máis, aos rapaces saharauís que participan no programa Vacacións en Paz 2019, organizado en Galicia pola Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. Esta mañá, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, fixolle entrega á presidenta da asociación, Maite Isla Avión, dos documentos acreditativos que garanten a asistencia sanitaria durante as vacacións dos 330 nenos saharauís que se desprazan a Galicia este verán, ao abeiro do programa.
A colaboración establecida entre o Sergas e a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí inclúe a atención primaria, a atención especializada e as prestacións farmacéuticas.
A cobertura sanitaria en atención primaria abrangue a cobertura nas consultas, servizos e centros de saúde; a indicación ou prescrición e a realización de probas e medios diagnósticos; as actividades programadas en materia sanitaria como a vacinación, exames de saúde e outras medidas de prevención, promoción e rehabilitación; ademais de programas de atención á infancia e urxencias.
En canto á atención especializada, inclúese a asistencia ambulatoria especializada en consultas, que pode abarcar os procedementos cirúrxicos menores; a asistencia ambulatoria especializada no hospital de día, que abrangue a asistencia médica, a cirúrxica, a pediátrica para procesos agudos, a reagudización de procesos crónicos ou a realización de tratamentos de procedementos diagnósticos que así o aconsellen; ademais da asistencia especializada en réxime de hospitalización. No referido á prestación farmacéutica, a colaboración establecida abrangue a dispensación prestada en réxime de internamento e a prescrita en réxime extrahospitalario.
Dende hai varios anos, numerosas familias galegas acollen no verán a nenos e nenas saharauís procedentes dos campamentos de refuxiados, dentro do programa Vacacións en Paz. Neste 2019, a súa estadía abrangue dende o 7 de xullo ao 9 setembro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario