Conde apela en Tui á especialización, á formación adaptada á realidade empresarial e á colaboración institucional para ter unha Galicia máis preparada
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou hoxe o obradoiro de emprego Percorre Tui, onde 20 alumnos e alumnas están ao longo de nove meses recibindo formación mentres que acceden a un traballo en promoción turística local e confección de páxinas web
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou hoxe o obradoiro de emprego Percorre Tui
Foto: X. G.
O programa, que promove a Xunta co apoio do Concello, permitirá a creación de tres novas rutas do Camiño de Santiago e a creación da web para difundilas
O titular de Economía destaca a dualidade do obradoiro porque ao seu remate os participantes terán a posibilidade de traballar tres meses máis nunha empresa da contorna na especialidade na que se cualificaron
Conde lembra que desde o ano 2010 a Consellería de Economía, Emprego e Industria leva investido preto de 1,5M€ en obradoiros de emprego en Tui
A Xunta porá en marcha en 2019/2020 novos obradoiros duais por segundo ano consecutivo cun orzamento de 21M€ dirixidos a 1.200 desempregados
Infogauda / Tui
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou hoxe o obradoiro dual de emprego Percorre Tui, onde 20 alumnos e alumnas están a formarse, ao tempo que acceden a un posto de traballo, durante nove meses, nas especialidades de promoción turística local e información ao visitante e en confección e publicación de páxinas web.
Conde apostou na localidade pontevedresa pola especialización, a formación adaptada á realidade empresarial e á colaboración institucional para ter unha Galicia máis preparada, sinalando a importancia de apostar por unha formación dual, flexible e á carta. Ao respecto, puxo en valor a dualidade do obradoiro de emprego que permitirá aos participantes, ao remate do programa -que promove a Xunta co apoio do Concello- a posibilidade de contar cun contrato de traballo durante tres meses máis nunha empresa da contorna e na especialidade na que se formaron.
O conselleiro sinalou que, desde o ano 2010, a Consellería de Economía, Emprego e Industria leva investido preto de 1,5M€ en diferentes obradoiros de emprego en Tui. A Xunta porá en marcha en 2019/2020 e, por segundo ano consecutivo, unha nova convocatoria dos obradoiros duais de emprego cun orzamento de 21 millóns de euros para beneficiar a 1.200 persoas desempregadas. Primaranse os obradoiros forestais, como é o caso do de Tui, que está a mellorar as condicións do Camiño de Santiago, e no acceso a este programa terán preferencia emigrantes retornados, desempregados maiores de 45 anos e mulleres.
O conselleiro, así mesmo, resaltou que esta iniciativa permitirá a creación de tres novas rutas do Camiño de Santiago –Pasos das Augas, Porta do Río Tripes e Criptoxudaísmo- e a posta en marcha dunha web para difundir o estudo destas rutas. Indicou que esta actuación resulta fundamental para Tui como acceso ao Camiño Portugués e como posta en valor do entorno natural e paisaxístico de Galicia, orientado aos visitantes a través do Parque Natural de Monte Aloia. No caso da ruta Criptoxudaísmo, servirá para ilustrar a longa tradición xudía de Tui. Sinalou, neste senso, que o obradoiro enriquecerá con novas perspectivas o Xacobeo 2021.
Tal e como destacou Francisco Conde, esta iniciativa contribúe a que Tui “vaia conformando unha oferta turística de calidade, diferenciada e diversificada que lle permita aproveitar as súas realidades como concello turístico”, apuntando que o Camiño de Santiago “cada vez con máis forza está permitindo atraer turistas e polo tanto traer oportunidades para mellorar a empregabilidade e desenvolvemento económico e social deste concello”.
O titular de Economía, para rematar, apuntou a necesidade de mellorar a cualificación das persoas desempregadas a través dunha formación dual e flexible que responda ás necesidades das empresas e impulse a súa competitividade. Agradeceu, así mesmo, a implicación do Concello de Tui neste programa e agardou que este espírito de colaboración se estenda no futuro coa entrada de Tui na lista de Concellos Emprendedores, unha ferramenta coa que a Xunta busca captar novos investimentos para Galicia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario