1 de xul. de 2019

DEPORTES

PIRAGÜISMO

5 MEDALLAS PARA OS TEIXUGOS NA 1ª COPA DE ESPAÑA “JÓVENES PROMESAS” DE SLÁLOM  

O vindeiro sábado día 6 de xullo, de catro a sete da tarde o Club Deportivo Miño-Teixugos celebra a súa xornada de portas abertas


En K1, Ainhoa Barreiro fixo a mellor baixada acadando a medalla de ouro e Alba Soutelo conseguiu  a de prata. En canoa ou C1, tamén dominaron o podio, sendo, nesta ocasión, o ouro para Alba e a prata para Ainhoa

Informa (fotografías e redacción): Rosa Fernández Carrera / Deportes

  De novo esta fin de semana os máis pequenos do Club Deportivo Miño volveron as augas do río Xallas, desta vez para disputar a primeira Copa de España  “Jóvenes Promesas”. Nenas e nenos de entre oito e dezaseis anos de tódolos clubs de España déronse cita nas augas do campo de slálom do Couquiño en Dumbría, nunha fin de semana de competición, convivencia e reivindicación.  

 Cinco foron as medallas acadadas polos teixugos na primeira das competicións da Liga Española de Promoción do Slálom.  

 Impresionante foi o balance final das mulleres do noso club. Na categoría cadete Ainhoa Barreiro fixo a mellor baixada en K1, acadando a medalla de ouro por diante da tamén teixuga Alba Soutelo que foi segunda. As mesmas deportistas, pero en canoa ou C1, tamén dominaron o podio, sendo, nesta ocasión, o ouro para Alba e a prata para Ainhoa. 


En canoa, o teixugo Samuel Castro - a esq. da imaxe - acadou a medalla de prata


 A outra medalla foi para o tamén cadete Samuel Castro, que en canoa fixo o segundo mellor tempo, por detrás de Álex Segura, do Atlético San Sebastián. Outros tres piragüistas completaron o equipo que acudiu a Dumbría, Sergio Rodríguez foi cuarto en K1 cadete, Mateo Álvarez foi vixésimo en K1 infantil A e Adrian Lluch oitavo en K1 Infantil B.  

 Esta xornada, e a da semana pasada, tiveron ademais un certo carácter reivindicativo, pois o slálom galego está loitando pola construción dunha canle de augas bravas en Galicia, que, de facerse, podería chegar a converterse nun importante motor económico e deportivo a nivel nacional, pois a única canle de augas bravas de España atópase na Seu D´Urgell, polo que unha canle galega mobilizaría a deportistas galegos, portugueses e casteláns.  

 Finalmente recordar que o vindeiro sábado día 6 de xullo, de catro a sete da tarde o Club Deportivo Miño-Teixugos celebra a súa xornada de portas abertas, dende o club animámosvos a acudir.

Ningún comentario:

Publicar un comentario