22 de xul. de 2019

CULTURA



SEMENTEIRA PORTRÄTS

De Manuel Álvarez (fotografías) e Manuel Rivas (haikus e aforismos)

UNHA OLLADA PROFUNDA E POÉTICA Á EMIGRACIÓN GALEGA EN SUIZA

Manuel Rivas - no centro da imaxe - con Manuel Álvarez, no Parque Claramatte, de Basilea (Suíza), na presentación do libro Sementeira porträts
Foto: M. Velasco


Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda


 Dentro da programación de actos culturais e lúdicos organizados pola Sociedade Galega Sementeira, de Basilea (Suíza), coincidentes co solsticio de verán, e diante dunhas 1.500 persoas, reunidas no Parque Claramatte; o fotógrafo Manuel Álvarez Álvarez (Coruto Vello – Salcidos – A Guarda, 1954) e o escritor Manuel Rivas (Rúa A Marola, A Coruña, 1957), veñen de presentar o libro Sementeira porträts.

 Manuel Rivas leu uns poemas e Manuel Álvarez fixo o propio con un texto que creou para esa ocasión. Foi todo moi simbólico, porque era o día de San Xoán, e Manuel Rivas achegou dende Galicia un ramo das herbas tradicionais desa data e nunha especie de oración profana, pronunciou unhas verbas a xeito de beizón, diante dunha asemblea de persoas fascinadas pola forza da palabra e por esa situación indescritíbel.

 Portada do libro Sementeira porträts, de Manuel Álvarez e Manuel Rivas
Foto: Aguinaldo Fructuoso

 Sementeira porträts é un libro creado a catro máns. As de Manuel Álvarez, que tirou as fotografías de 42 emigrantes galegos (mulleres e homes), a meirande deles naturais da Costa da Morte, e as do xornalista, escritor e ensaísta, Manuel Rivas, que creou idéntico número de haikus (composicións poéticas, de orixe xaponesa, que constan de tres versos, de cinco, sete e cinco sílabas, respectivamente) e aforismos, creados expresamente, a razón dunha achega literaria – nas páxinas pares - a carón de cada retrato.

    Foto: Aguinaldo Fructuoso


 “Este é – dixo Manuel Álvarez a este cronista - un traballo que representa a 42 emigrantes galegos, da Sociedade Galega Sementeira, de Basilea.

 Como emigrante – eu vivo en Xenebra – sempre tiven moita relación coa emigración, co mundo de intercambios culturais na Federación de Sociedades Galegas como membro da Sociedade A Nosa Galiza de Xenebra. E sobre todo Sementeira, que é unha sociedade que eu creo que é unha referencia actualmente, no mundo da emigración galega en Suíza. Considero que é a depositaria duns valores que engrandecen a emigración ilustrada. É unha sociedade crítica, que crea actividades. É unha sociedade que ten unha certa vocación cultural intensa (...)”.

 A Manuel Álvarez sempre lle interesou á fotografía, e máis concretamente os retratos. E como queira que agora ten máis dispoñibilidade por non ter obrigas laborais, decidiu afrontar este proxecto, que segundo súas verbas “xa era vello”, e co que pretende “reflectir á dignidade dos emigrantes”. O labor fotográfico levoulle uns catro meses, viaxando desde Xenebra ata Basilea”.

 Previamente, antes de comezar o traballo, Manuel Álvarez reuniuse cos responsables de Sementeira a quen lles explicou o proxecto, informándolles que “(...) quería botar unha ollada e ter unha visión directa, desde o punto de vista fotográfico, da persoa que se sitúa diante [da cámara] nunha situación moi particular. Diante da ollada da cámara escura, que pestanexa ao azar e con tentos, que mira, que observa e que retén algo dos sortilexios (...)”.

 “(...) A miña idea – engade Manuel Álvarez - sempre foi compartir o resultado dun proceso creativo. Sempre me gustou o traballo compartido e interesoume que a palabra tivese algo que decir. Non a soa imaxe. De feito considero, persoalmente, neste caso concreto, que a palabra literaria na escrita de Manuel Rivas é unha alfaia excelsa, ten un valor máis importante que mil imaxes.

 Penso que a forza dunha palabra do noso escritor, do noso paisano, ten unha forza profunda que se ramifica dunha maneira infinda e, emocional, e que toca xustamente o esencial da mirada das persoas.

 Evidentemente a fotografía tamén está aí. Eu son tan só un observador (...)”.

 Unha vez feitas ás fotografías, Manuel Álvarez remesoulle unha maqueta a Manuel Rivas. E a continuación, dunha maneira moi clara, Rivas aceptou o reto.

 Manuel Álvarez díxonos tamén que “(...) nesas imaxes, ás persoas teñen un denominador común: son emigrantes en terra allea. Afrontan esa realidade extraña con señardade. É hai que escreber unha historia e que ésta sexa subxacente, que persiste na mirada, ou que persiste na presenza (...)”.

  O proceso literario comprendeu desde setembro de 2017 ata xaneiro de 2019, pois entre unha data e a outra, Manuel Rivas tivo un ano moi ocupado.

 “Este home – díxonos Manuel Álvarez, referíndose a Manuel Rivas – ten un concepto solidario moi profundo coa emigración. Había outros candidatos. Pero eu sempre pensei nel pola súa calidade humana, pero sobre todo tamén pola súa calidade literaria. Son un lector da súa obra, da súa poesía, e do seu pensamento máis ben. Case considéroo como un filósofo comprometido e solidario do existencialismo da emigración.

 Cando recibín seus textos foi como unha catálise sísmica que se produxo coa emoción de ver como había interpretado cada persoa. As palabras eran sementes de emocións fecundadas no corazón celeste das voces. Foi verdadeiramente unha experiencia vital e creativa indescritíbel (...)”.

PRESENTACIÓN NA FEIRA DO LIBRO DA CORUÑA, 2019

 Dentro do programa de Edicións Xerais o libro Sementeira porträts será presentado na Feira do Libro da Coruña 2019, o mércores día 7 de agosto, ás 20:30 horas, onde tratarase sobre o tema: “Retratos e poemas da emigración”. Participarán Manuel Rivas,  Manuel Álvarez, Manuel Bragado e moderará Xosé Manuel Pereiro.  Haberá sinatura de exemplares de Sementeira porträts e de todos os libros de Manuel Rivas.

 Como informou oportunamente Xerais, queremos relembrar  que o escritor Manuel Rivas foi distinguido co Premio Internazionale de Scriture in Lingua Madre 2019, concedido pola Chambra D´Oc, Ostana, nos Alpes italianos:

 Manuel RIVAS (scrittore, poeta e giornalista di lingua gallega) sic.

 O premio foi incluido entre os eventos oficiais do Ano Internacional das Linguas Indíxenas promovido pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas para 2019.

 Este galardón que naceu en 2008 coa intención de valorar aos creadores que escriben as súas obras en linguas de pequenos territorios e minoritarias no mundo, está organizado pola comuna-concello de Ostana, no Val do Po e a Asociación Cultural Chambra D´Oc, na rexión do Piamonte italiano. Chambra D´Oc é unha asociación cultural que traballa no ámbito da promoción e mellora das linguas menos utilizadas no mundo.

Manuel Rivas declamando un poema aos asistentes na Frazione di Sant'Antonio, da comuna de Ostana, provincia de Cuneo, rexión do Piemonte, Italia. Durante os actos do Premio Internazionale de Scritture in Lingua Madre de Ostana 2019 que lle foi concedido na presente edición.   
Vencedor de numerosos premios, en Ostana recibiu o premio internacional pola súa longa traxectoria creativa en lingua galega
Foto: Aguinaldo Fructuoso


 Ademais de coa imaxe fotográfica, o vencello do fotógrafo Manuel Álvarez Álvarez coa escrita ven desde fai décadas. Sirva como exemplo que con anterioridade a Sementeira porträts xa publicara Gameleiros (Edicións Xerais de Galicia, 2002), toda unha homenaxe aos pescadores de baixura de A Guarda. Proxecto no que participou Miro Villar (Cee, 1965), doutor en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, poeta, narrador, tradutor e crítico literario.

 En Gameleiros figuran os retratos de 27 mariñeiros feitos por Manuel Álvarez, que son os protagonistas da obra, na que Miro Villar achegou a carón de cada fotografía, súa persoalísima aportación poética. Dese xeito, fotografía e poesía, fan de Gameleiros unha xoia literaria accesible para todos.

 E agora con Sementeira porträts o labor creativo do fotógrafo Manuel Álvarez dialoga coa escrita comprometida, poderosa e solidaria de Manuel Rivas. Dese xeito, ambos os dous fixeron posible que o proxecto do fotógrafo guardés se materializase nese libro que deseñou e xestionou íntegramente, que é toda unha exquisita achega bibliográfica que enaltece a nosa Cultura e visibiliza á colectividade emigrante.

Ningún comentario:

Publicar un comentario