23 de xul. de 2019

A GUARDA

Os voluntarios retiraron da costa 73 sacos de plásticos

Foto de familia do grupo de voluntarios que o domingo pola mañá participou na recollida de plásticos na costa de A Guarda, O Rosal e Oia
Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda


 A Agrupación Guardesa de Pescadores, Mariñeiros e Mariscadores non profesionais "O Buxeiro" organizou unha recollida de plásticos na costa da Guarda que se realizou na mañá do pasado domingo día 21 de xullo.

 Esta iniciativa, que contou coa colaboración da Concellería de Medio Ambiente do Concello de A Guarda, realizouse por diferentes puntos da costa de A Guarda, O Rosal e Oia, participando máis dunha trintena de persoas.  

José Luis Morais Martínez - a der. da imaxe -, presidente de O Buxeiro, dando ás instruccións previas aos voluntarios


 O grupo de voluntarios reuniuse previamente ás 8:00 da mañá na Alameda de A Guarda, onde atenderon as explicacións dos organizadores en relación ao funcionamento desta actividade e repartíronse os sacos e luvas para poder recoller os plásticos do litoral.  

 De seguido, e distribuidos en grupos, os voluntarios desprazáronse a diferentes lugares da costa entre a desembocadura do río Miño ata a zona das Orelludas, en Oia. 

Os plásticos que recolleron os voluntarios e que foron depositados en bolsas como as da imaxe, para seu posterior traslado ao Punto Limpo, xa non causan impacto no medio ambiente natural


 O resultado desa magnífica labor altruista a prol do medio ambiente son un total de 73 sacos de plásticos, dos cales 32 foron recollidos no tramo costeiro de A Guarda, 21 na costa do Rosal e 20 no termo municipal de Oia.  

 Desde O Buxeiro salientan coma curiosidades que se retiraron da costa numerosos aparellos de pesca, cordas, cordeis, boias, caixas de plástico, pezas de poliéster, mangueiras, así como tamén unha roda dun turismo e varias tubaxes de PVC.  

 O concelleiro de Medio Ambiente, Xan Lois Lomba Alonso, destacou a boa acollida desta actividade, agradecendo a implicación de O Buxeiro e a participación dos voluntarios, salientando que este tipo de iniciativas son moi importantes para concienciar aos veciños e veciñas sobre o grave problema da contaminación con plásticos nos nosos mares, á vez que se contribúe á mellora medioambiental do noso entorno.

Ningún comentario:

Publicar un comentario