22 de xul. de 2019

A GUARDA

A Festa do Peixe Espada 2019 incide na inclusión  

• O que fose secretario xeral de Pesca entre os anos 1987 e 1996, José Loira Rúa, moi ligado á localidade, será o pregoeiro desta décimo sexta edición da popular celebración organizada por Orpagu en colaboración co Concello da Guarda.  

• O evento, que se desenvolverá entre o sábado 27 e o domingo 28 de xullo, acollerá o IV Campionato Galego Inclusivo de Náutica Adaptada e a presentación dunha iniciativa da Consellería  do Mar de turismo mariñeiro inclusivo.  


Peixe espada con cachelos e ensalada, empanadillas e croquetas de paixe espada

Mar Bermúdez / A Guarda

 Gastronomía, concertos, un mercado artesanal, obradoiros, xogos para os máis pequenos e deporte inclusivo serán algunhas das actividades que se desenvolverán esta fin de semana na Guarda con motivo da  XVI  Festa  do  Peixe Espada, evento organizado pola Organización de Palangreiros Guardeses (Orpagu) en colaboración co Concello. 


 O pregón inaugural, a cargo de José Loira Rúa, secretario xeral de Pesca entre os anos 1987 e 1996, marcará o inicio da celebración que ten como protagonista indiscutible ao peixe espada, a especie obxectivo da frota integrada en Orpagu. Tras o pregón de  Loira Rúa, procederase á entrega do premio á gañadora do concurso de deseño do cartel deste ano, Sara Lomba, e presentarase a cuarta edición do Campionato Galego Inclusivo de Náutica Adaptada, que se desenvolverá ao longo da xornada do sábado. 


A cuarta edición do Campionato Galego Inclusivo de Náutica Adaptada desenvolverase ao longo da xornada do sábado


 O documental "Historia  mariñeira da Guarda" e o Encontro dos Pobos, coa actuación este ano de dous grupos locais de música e danza (Vento Mareiro e Do Lusco e Fusco), un de Polonia (Poligrodzianie) e outro de Austria (Steirischer Schwung), formarán parte da programación do sábado, así como outras actuacións musicais e a entrega dos premios do Campionato Galego de  Naútica Adaptada, organizado polo Club Deportivo Sen Amarras. 

 O domingo pola mañá terá lugar a presentación oficial de  Ecodestin-Sensea, unha iniciativa de turismo mariñeiro inclusivo, a cargo dun representante da Consellería  do Mar, e a actuación da Banda de Música Agrupación Musical de A Guarda, cun repertorio especial con motivo da festa. Xa pola tarde, os asistentes o evento gastronómico e cultural poderán gozar dunha regatilla organizada polo Club de Remo  Robaleira, e de diferentes actuacións musicais a cargo das agrupacións Xamaraina, Deixa Andar e os Coros Cantábile e  Arpegios. 

 Mentres, na carpa instalada no recinto portuario poderanse degustar durante toda a fin de semana as racións de peixe espada con patacas, en guiso, en fideuá, en tostas, en empanada, como zorza, en albóndigas ou salpicón. Unha infinidade de variedades para gozar dun prato exquisito, san e moi saboroso.

Ningún comentario:

Publicar un comentario