2 de xul. de 2019

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

Os distintivos de Bandeira Azul e o de Ecoplaya xa ondean na praia do Forte (Camposancos) 

Xunto coa bandeira da Rede Galega de praia sen fume

O alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz - 2º pola der.-, xunto coa presidenta da Entidade Local Menor de Camposancos, Mercedes Martínez Vázquez, o tenente alcalde Anxo Lois Baz Vicente, a concelleira de Turismo Beatriz Lomba Rodríguez e o concelleiro de Medio Ambiente, Xan Lois Lomba Alonso e dous socorristas, cos distintivos Bandeira Azul, 2019 e de Ecoplaya 2019 na praia do Forte (Camposancos)
Foto: C.A.G.


Infogauda / Camposancos (A Guarda)

 O distintivo Bandeira Azul, 2019 e o recoñecemento Ecoplaya, 2019, xunto coa bandeira da Rede Galega de praia sen fume, xa ondean na praia do Forte, tamén coñecida como praia do Muíño, en Camposancos, coa que se marca o comezo da tempada de verán nesta recoñecida praia guardesa ao contar co servizo de socorrismo dende o pasado sábado.  

 Ata a devandita praia desprazáronse o alcalde, Antonio Lomba Baz; o tenente-alcalde, Anxo Lois Baz Vicente; a concelleira de Turismo, Beatriz Lomba Rodríguez; o concelleiro de Medio Ambiente, Xan Lois Lomba Alonso; a presidenta da Entidade Local de Camposancos, Mercedes Martínez Vázquez, e xunto cos socorristas izaron os distintivos cos que conta esta praia emblemática da franxa costeira: Bandeira Azul e o de EcoPlaya.  

 Desde o executivo municipal do Concello de A Guarda, que preside o alcalde Antonio Lomba Baz afirman que este ano no primeiro procedemento de contratación de socorristas non se cubriron as prazas necesarias para dar servizo nas dúas praias con bandeira Azul (O Forte e Area Grande), polo que, namentres non se complete a plantilla o servizo de socorrismo prestará servizo só na praia do Forte, por ter esta unha maior afluencia de bañistas e pola súa ubicación na desembocadura do Río Miño.  

 Está xa en marcha un segundo procedemento para poder contratar a totalidade dos socorristas precisos para atender a estes dous areais guardeses, unha vez rematado izaráse tamén na Area Grande a correspondente Bandeira Azul. 

 Como xa informamos oportunamente, a Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC), e a rama española da Federación Europea de Educación Ambiental (FEE) fixeron público o listado de todas as bandeiras azuis que se concederon no territorio español para esta tempada de verán. Un ano máis as praias de O Forte (Camposancos) e Area Grande, no Concello de A Guarda foron destacadas co distintivo internacional de Bandeira Azul como recoñecemento á calidade medio ambiental e aos servizos que ofertan. 

 Estas praias contan cos servizos esixidos por Bandeira Azul como paneis informativos, análise de augas, servizo de limpeza e de recollida de residuos, duchas e aseos, e o servizo de salvamento e socorrismo que atende aos dous areais e que comeza co arranque estival.  

 O concello da Guarda quere resaltar o esforzo realizado para a súa concesión no referente o mantemento e mellora das actuacións e servizos véndose recompensado un ano máis coas dúas bandeiras azuis para o concello.  

 Nesta resolución tamén se lle adxudicou o distintivo de Sendeiro Azul, a senda litoral que une ambas praias. Este camiño ten o recoñecemento dende o ano 2013. A finais do pasado ano o Concello da Guarda enviou a documentación da candidatura para que as súas praias e o sendeiro conseguiran este distintivo. Despois de pasar un tribunal nacional e tamén un internacional, acadouse un resultado favorable.

 Compre salientar que os recoñecementos Ecoplaya, outorgado pola Asociación Técnica para la Gestión de Residuos y Medio Ambiente (ATEGRUS),  distinguen as praias que destacan pola súa calidade medioambiental.

Ningún comentario:

Publicar un comentario